Publicado por: F.G. Atletismo
O mellor da marcha mundial pasaría esta fin de semana por Cantones da Coruña deixando tras de si toda unha estela de calidade e excelentes rexistros.
Esta proba, que alcanzaba a trixésimo terceira edición, contaría este ano con todo un récord de participantes de preto de 275 marchadores/as o que obrigaría a separar as dúas probas. Sen lugar a dúbidas o título de proba atlética Patrimonio da Humanidade concedida pola IAAF recentemente e da que xa informamos, así como as máis de trinta edicións ás costas, obrarían para acadar esta cifra récord no mundialmente coñecido evento galego.
Cun importante seguimento de público, as 17.30 horas tomarían a saída as marchadoras femininas na que a ecuatoriana Glenda Estefanía Morejón con apenas 19 anos, imporíase a todo o potente combinado chinés marcando un rexistro de 1h.25:29 MMP . A segunda e terceira clasificada serían as atletas de China Jiayu Yang e Liu Hong con 1h.25:34 e 1h.25:56 respectivamente. Proba da calidade do circuito e da idoneidade do mesmo é que estes rexistros representan as tres mellores marcas mundiais do ano.
A primeira das españolas, e ante a ausencia de María Pérez recuperándose dunha lesión, sería Laura García Caro quen con 1h.28:40 faría a súa mellor marca da tempada. Por parte galega Antía Chamosa acabaría no posto corenta e tres cun rexistro de 1h.36.55 que representa un novo récord galego Sub23.
No tocante á categoría masculina, ó líder do ranking mundial, o xaponés Toshikazu Yamanishi, non defraudaría acadando o triunfo cun rexistro de 1h.17:41 o que supón un novo récord do circuito en posesión de Paquillo Fernández dende o ano 2005. O segundo marchador do podiu sería o italiano Massimo Stano a catro segundos do xaponés sendo terceiro o outro marchador nipón Yosuke Suzuki con 1h.17:54.
O primeiro dos españois foi Diego García quen no posto oitavo e cun rexistro de 1h.18:58 lograría a segunda mellor marca nacional de todos os tempos. O campión europeo e segundo na edición de Cantones do ano pasado tras Elder Arevalo, Alvaro Martín , entraría no posto decimosexto con 1h.20:50 logo de sufrir un percance ca súa zapatilla durante a proba. Por parte dos galegos o mellor clasificado foi Daniel Chamosa quen entraría en línea de meta cun rexistro de 1h.29:52.
Probas parelelas
As 17.35 horas tomarían a saída os/as atletas que formaban parte da proba dos 10 km. e que sería gañada polo marchador alemán Jakob Johannes con 43:13 correspondendo o triunfo na categoría feminina para a española Ana Pulgarín do Atletismo Almendralejo con 46:59. Por parte galega os mellores foron Juan Morales do Marineda, sexto clasificado con 44:30 e Celia Carracedo do ADAS Proinor, vixésima quinta con 54:28.
A maiores este edición contaría un ano máis cun compoñente solidario onde se disputaría a III Marcha popular Solidaria cuxa recadación irá parar integramente a La Cocina Económica da Coruña
Con anterioridade, disputáronse as probas correspondentes ó Trofeo José Fina Romero de Marcha cun imporante número de atletas e cuxos gañadores serían os seguintes:
- 1 km. Sub10: Tomás Bautista do Porriño con 5:20 e Alba Menán do A.Friol con 5:32
- 2 km. Sub12: Sabela Castelo do Vila de Cangas con 10:31 e Mauro Alexandre García do ADAS Proinor con 11:17
- 3 km. Sub 14: Aldara Meilán con 15:00 e Pablo Sánchez con 14:59 ambos da Atlética Lucense
- 3 km. Sub16: Sofia Campos do Millaraio con 15:21 e Diego Silva García con 16:45
- 5 km. Absoluta: Bruna Marques de Portugal 26:53 e Mateo Díaz da Atlética Lucense con 24:11
O artigo Calidade mundial no Circuito Cantones de marcha publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Calidade mundial no Circuito Cantones de marcha