Publicado por: F.G. Atletismo
As pistas de Balaídos acolleron este pasado domingo unha das edicións máis complexas dos últimos anos do Campionato Xunta de Galicia Máster de Atletismo, unha competición que estivo marcada polo cambio de sede realizado a última hora e que obrigou á Federación Galega de Atletismo, clubs e persoal técnico a realizar un importante esforzo loxístico para garantir o desenvolvemento da cita.
Inicialmente prevista para celebrarse en Santiago de Compostela, a competición tivo que ser trasladada a Vigo por causas alleas á organización. Un contratempo que, lonxe de deslucir a xornada, puxo de manifesto a capacidade de reacción e, sobre todo, o compromiso dos atletas máster galegos, que responderon cunha participación destacada e cun comportamento exemplar.
Nunha xornada marcada tamén polas elevadas temperaturas, os participantes ofreceron un gran nivel competitivo, acadando numerosas mellores marcas persoais e rexistros de notable valor deportivo.
Entre as actuacións máis destacadas dos concursos sobresae a dobre vitoria de Patricio Waldemar Palma (AD Limiactiva), que se impuxo na categoría M45 tanto no lanzamento de martelo, cun mellor intento de 53,06 metros, como no martelo pesado, onde alcanzou os 14,99 metros. No sector feminino, Loreto Brea (Gimnástica) dominou o martelo F50 con 43,98 metros, mentres que Elisabeth Pazo (Samertolameu) venceu no martelo pesado cun rexistro de 11,78 metros.
Tamén deixaron marcas destacadas Dani Giménez (At. Sada), que superou o listón dos 1,75 metros en altura M45, e Miguel Rodríguez (Gimnástica), quen chegou ata os 5,12 metros no concurso de lonxitude M55. Na xavelina, Nilda González (CD La Purísima) destacou na categoría F45 cun mellor lanzamento de 14,34 metros.
Nas probas de velocidade viviuse un dos momentos máis emocionantes do campionato coa final dos 200 metros M60. Félix Cantúa (At. Sada) proclamouse campión cun tempo de 28.22, apenas unha centésima por diante de Antonio Santos (A Silva), segundo con 28.23. Na categoría M55, Fernando Míguez asinou unha brillante marca de 25.58.
Nos 400 metros, a atleta independente Halina Dywelska completou unha excelente carreira na categoría F45, detendo o cronómetro en 1:05.32. Pola súa banda, Javier Tuimil (At. Narón) destacou nos 400 valos M50 cun rexistro de 1:08.20, mentres Nuria Modolell (CD La Purísima) facía o propio na categoría F45 con 1:17.70. Tamén resultou salientable a actuación de Carlos Ferrer (Samertolameu), que completou os 300 valos M65 en 52.15.
No medio fondo, Adrián Blanco (Marineda At.) impúxose nos 800 metros M35 cun tempo de 2:04.07. Xa nas distancias máis esixentes, Emilio Pérez (ADAS CUPA) venceu nos 5.000 metros M35 con 15:29.07.
Precisamente no fondo volveu deixar a súa pegada Miguel Míllara (Cemesaña Sporting Club), quen asinou unha nova exhibición nos 5.000 metros M80 ao cruzar a meta en 27:13.24. Tamén destacou Roberto Rey (Veteranos de Samil), autor dun excelente rexistro de 6:50.62 nos 1.500 metros M75.
A marcha atlética tivo en Conchi Campos (At. Sada) unha das súas protagonistas, ao completar os 5.000 metros F45 en 30:02.08. Xunto a ela estivo outro dos grandes referentes da especialidade, o campión mundial Juan Manuel Morales (Marineda Atlético), que finalizou a proba M40 cun tempo de 22:11.77.
O valor do atletismo máster
Máis aló das marcas e dos resultados, esta edición do Campionato Xunta de Galicia Máster destacou pola capacidade de adaptación e o espírito deportivo mostrado por todos os seus participantes. Nun contexto especialmente complexo debido ao cambio de sede de última hora, atletas, clubs, xuíces, voluntarios e organización demostraron unha vez máis o seu compromiso co atletismo galego.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quixo agradecer expresamente a implicación de todos os colectivos participantes:
“Gustaríame felicitar a todas e todos os participantes nesta edición. Grazas ao traballo conxunto, pero sobre todo grazas ao compromiso e á actitude dos atletas e dos demais colectivos implicados, conseguimos sacar este campionato adiante. Foi unha situación difícil, marcada por un cambio de sede que nos vimos obrigados a realizar a última hora por causas alleas á Federación, e a resposta de todos foi exemplar”.
Un recoñecemento que resume o verdadeiro éxito dun campionato que, máis alá dos títulos acadados, volveu evidenciar os valores de esforzo, compañeirismo e superación que caracterizan ao atletismo máster galego.
O artigo Compromiso exemplar dos atletas máster no seu autonómico publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Compromiso exemplar dos atletas máster no seu autonómico
