A edición nocturna será un dos atractivos no campionato galego 10K

Publicado por: F.G. Atletismo

O Concello de Vilagarcía de Arousa acolleu onte a presentación oficial do Campionato Xunta de Galicia de 10K, unha cita que terá lugar o vindeiro 1 de agosto e que reunirá aos mellores especialistas galegos da distancia nunha das últimas grandes competicións da tempada estival.

O acto desenvolveuse no salón de plenos do consistorio vilagarcián e contou coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; do presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e do concelleiro de Deportes, Carlos Coira. Tamén asistiron os actuais campións galegos dos 10 quilómetros, Itziar Manso e David de la Fuente, que quixeron respaldar unha proba chamada a reunir un gran nivel competitivo.

Para esta edición, agárdase a participación das principais figuras galegas da especialidade, que loitarán polos títulos autonómicos absolutos, así como polos correspondentes ás categorías Sub20, Sub23 e Máster.

Ademais da competición individual, o campionato decidirá tamén os títulos galegos por equipos. Na categoría feminina, o Comesaña Sporting Club defenderá o campionato conquistado a pasada tempada, mentres que na masculina será o Atletismo SAR quen intentará revalidar o título acadado o pasado ano en Carballo, nunha loita que determinará cales son os mellores equipos galegos da distancia.

A celebración deste Campionato Xunta de Galicia de 10K suporá, prácticamente, o peche da tempada de verán para boa parte do atletismo galego. Tras esta cita, moitos atletas gozarán dun merecido período de descanso antes de iniciar, xa no mes de setembro, a preparación dunha nova campaña.

Unha edición especial

Como principal novidade, a edición deste ano disputarase en horario nocturno, cunha saída prevista para as 22:15 horas. Esta circunstancia achegará un atractivo engadido á competición, ofrecendo unha maior espectacularidade tanto para os atletas como para o público que se achegue ás rúas de Vilagarcía para desfrutar dunha das grandes citas do calendario autonómico.

De igual modo, este campionato disputarase conxuntamente ca XII Carreira Nocturna Concello de Vilagrcía polo que todos aqueles atletas populares que desexen participar, terán a oportunidade de poder competir nunha das probas máis atractivas do calendario oficial de probas. Lembramos que a pasarela de inscricións estará aberta ata o día 29 de xullo.

Normativa e inscricións do campionato galego

Normativa e inscricions da carreira popular

O artigo A edición nocturna será un dos atractivos no campionato galego 10K publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: A edición nocturna será un dos atractivos no campionato galego 10K

Mas noticias relacionadas