Publicado por: F.G. Atletismo
A Carreira Pedestre Popular do San Martiño presentou hoxe a súa XLIX edición, que volverá converter as rúas de Ourense nun dos grandes puntos de encontro do deporte popular galego. Na presentación participaron o alcalde do Concello Gonzalo Pérez, o Presidente da Comisión Xestora da FGA Iván Sanmartín, o Delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense Manuel Pérez así como Rosendo Fernández deputado provincial da Deputación de Ourense, entre outras autoridades e representantes do sector asociativo e privado.
Proba referente en Galicia
Con case medio século de historia, a San Martiño chega a unha nova edición plenamente consolidada como a proba de carácter popular máis importante de cantas se celebran en Galicia, tanto pola súa tradición como pola súa capacidade de convocatoria. Na pasada edición, celebrada en novembro de 2025, a carreira reuniu preto de 10.500 participantes, confirmando o seu enorme poder de convocatoria e o seu papel como unha das grandes citas do calendario deportivo galego.
A XLIX Carreira Pedestre Popular do San Martiño celebrarase o domingo 8 de novembro e terá como protagonista a súa tradicional proba absoluta de 10 Km, nun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). A competición está incluída no Calendario RFEA 2026 coa categoría Internacional Nivel II, unha condición que se aplica á proba de 10 quilómetros.
A saída da carreira absoluta está prevista para as 11.00 horas na Ponte do Milenio, mentres que a meta estará situada na rúa do Progreso, na Praza de Concepción Arenal. O percorrido atravesará diferentes puntos emblemáticos da cidade, pasando, entre outros lugares, pola avenida de Otero Pedrayo, avenida Alfonso Rodríguez Castelao, avenida da Habana, rúa do Paseo, Praza Maior, rúa do Progreso e a zona da Ponte do Milenio.
A organización establecerá diferentes caixóns de saída en función das marcas acreditadas, xunto cun caixón específico para a participación popular. A carreira contará ademais con cronometraxe electrónica mediante chip, controis de paso ao longo do percorrido e puntos de avituallamento.
A San Martiño manterá tamén o seu carácter aberto e inclusivo. Poderán participar na proba absoluta as persoas nacidas en 2008 e anos anteriores, tanto con licenza federativa como sen ela, sempre que cumpran os requisitos establecidos no regulamento.
A programación completarase coas carreiras de menores, destinadas ás categorías Sub18, Sub16, Sub14, Sub12 e Sub10, con percorridos adaptados ás diferentes idades, así como coa carreira inclusiva, aberta a persoas de todas as idades, con ou sen diversidade funcional. Esta última terá carácter participativo e non competitivo e busca fomentar a integración, a convivencia e o deporte como experiencia común.
Como todos os anos, habilitaráse ademais, diferentes servizos para as persoas participantes, entre eles aparcadoiro gratuíto durante a xornada, taquillas, gardarroupa e duchas no Pavillón Municipal dos Remedios.
As inscricións para a proba absoluta permanecerán abertas ata o 1 de novembro, mentres que as persoas que queiran optar á recollida anticipada do dorsal deberán formalizar a inscrición antes do 21 de outubro. O prezo será de 5 euros ata o 21 de outubro e de 7 euros desde o 22 de outubro ata o peche das inscricións.
A organización incorpora tamén unha vertente solidaria, coa posibilidade de realizar doazóns durante o proceso de inscrición e a través do denominado Dorsal 0, que permitirá colaborar coa causa solidaria que sexa seleccionada para esta edición.
Coa presentación da XLIX edición, a San Martiño inicia así a conta atrás para unha nova xornada na que deporte, participación cidadá e tradición volverán ir da man, facendo das rúas de Ourense o escenario dunha das grandes festas do deporte popular galego.
O artigo A San Martiño quenta motores publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: A San Martiño quenta motores
