A FGA impulsa unha campaña de sensibilización contra a violencia no deporte

Publicado por: F.G. Atletismo

A Federación Galega de Atletismo poñerá en marcha esta fin de semana unha campaña de sensibilización baixo o lema “Non á violencia no deporte e na vida”, coincidindo coa celebración en Ourense do Campionato Xunta de Galicia nas categorías Sub10, Sub12 e Sub14.

A iniciativa ten como principal obxectivo promover valores de respecto, convivencia e xogo limpo entre todos os axentes que forman parte da práctica deportiva, especialmente nas idades máis novas. Para iso, durante a celebración dos campionatos distribuirase entre participantes e asistentes unha serie de publicacións que, a modo de guías didácticas, pretenden abordar e ofrecer respostas ás distintas formas de violencia que poden aparecer tanto no deporte como na vida cotiá.

Estas guías estarán dirixidas a tres colectivos fundamentais dentro do ámbito deportivo. Así, elaboráronse tres versións específicas: unha destinada aos atletas, outra pensada para adestradores e unha terceira orientada a pais e nais. A distribución destas publicacións realizarase ao longo das xornadas do campionato durante toda a fin de semana, ata rematar existencias.

As publicacións foron editadas pola Xunta de Galicia no ano 2004 e a súa elaboración corresponde á profesora titular de Universidade e doutora en Filosofía e Ciencias da Educación María José Mosquera. A pesar dos anos transcorridos desde a súa edición, desde a Federación Galega de Atletismo destacan que a súa estrutura e contidos continúan plenamente vixentes na actualidade.

As guías abordan cuestións clave como o papel do deporte na sociedade, a cultura deportiva existente, as causas da violencia no deporte e na vida, así como as distintas condutas de violencia no contexto escolar. Deste xeito, pretenden ofrecer información e reflexións que axuden a comprender mellor estas situacións e a fomentar comportamentos baseados no respecto e na educación a través do deporte.

Con esta campaña, a Federación Galega de Atletismo reafirma o seu compromiso coa promoción dun deporte formativo e seguro, no que a competición se desenvolva sempre dentro dun clima de convivencia, igualdade e valores positivos.

O artigo A FGA impulsa unha campaña de sensibilización contra a violencia no deporte publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: A FGA impulsa unha campaña de sensibilización contra a violencia no deporte

Mas noticias relacionadas