Xunta e Federación na presentación conxunta de actividades

Publicado por: F.G. Atletismo

A Federación Galega de Atletismo e a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, celebraron hoxe un acto de dobre presentación no que se deron a coñecer dúas iniciativas destinadas a seguir impulsando o desenvolvemento do atletismo galego. Por unha banda, presentouse o Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de Inverno, que nesta edición levará o nome dos irmáns Chamosa; e, por outra, as primeiras Charlas sobre Psicoloxía do Deporte, unha iniciativa patrocinada por AON que percorrerá diferentes localidades galegas.

No acto estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia Roberto García; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e as psicólogas encargadas de impartir as charlas, Madó González e María González.

O Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de Inverno levará o nome dos irmáns Chamosa

Un dos anuncios destacados da xornada foi a presentación do Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de Inverno, que se celebrará o vindeiro 21 de novembro nas pistas do CGTD de Pontevedra e que reunirá os mellores especialistas galegos do momento nesta disciplina.

Como principal novidade, e seguindo unha proposta aprobada en asemblea, o campionato pasará a levar cada ano o nome dun marchador ou marchadora de referencia, co obxectivo de recoñecer e poñer en valor as figuras que contribuíron ao desenvolvemento da marcha atlética galega.

Nesta primeira edición, serán os irmáns Chamosa os encargados de dar nome á competición, nun recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución á marcha atlética.

A segunda iniciativa presentada foi a posta en marcha das primeiras Charlas sobre Psicoloxía do Deporte, patrocinadas por AON, que se desenvolverán en diferentes puntos de Galicia ao longo das próximas semanas.

O programa contempla as seguintes citas:

  • Ourense: 3 de novembro.
  • Ames e A Coruña: 11 de decembro.
  • Pontevedra: 18 de decembro.

As sesións estarán impartidas polas psicólogas Madó González e María González e estarán dirixidas tanto aos atletas das categorías Sub16, Sub18 e Sub20 como aos seus familiares, entendendo que o acompañamento e a contorna máis próxima dos deportistas desempeñan un papel fundamental na súa evolución deportiva e persoal.

Durante o acto de presentación púxose especialmente en valor a importancia de atender os aspectos psicolóxicos que inflúen no rendemento e na competición. Entre as cuestións que se abordarán nas diferentes sesións destacan a xestión da ansiedade e a conciliación entre os estudos e a práctica deportiva, dous factores especialmente relevantes nestas etapas de formación.

Con esta iniciativa, a Federación Galega de Atletismo busca ofrecer ferramentas e recursos que permitan aos novos atletas afrontar con maiores garantías os retos deportivos e persoais, implicando tamén as familias neste proceso.

Deste xeito, a dobre presentación celebrada hoxe reflicte a vontade da Federación Galega de Atletismo de seguir traballando nunha visión integral do deporte, combinando o recoñecemento aos referentes da marcha atlética galega coa atención á formación, ao benestar e ao desenvolvemento psicolóxico das novas xeracións de atletas.

O artigo Xunta e Federación na presentación conxunta de actividades publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Xunta e Federación na presentación conxunta de actividades

Mas noticias relacionadas