Publicado por: F.G. Atletismo
A localidade polaca de Torun foi escenario durante o 27 de marzo ata o 2 de abril da disputa dos campionatos de Europa de Atletismo de pista curta á onde acudiron a tomar parte un total de dez atletas galegos e galegas.
Durante eses días de competición, os nosos atletas lograban un total de doce medallas tanto nas probas individuais como nas de remudas (5 ouros, 4 pratas, 3 bronces).
Juan Manuel Morales, continúa ampliando o seu gran palmarés internacional que o levan a sumar un total de 27 medallas internacionais (12 en campionatos mundiais e 15 en europeas). Desta ocasión, o atleta do Marineda At. , lograba tres novos títulos continentais na proba dos 3.000 m. cun rexistro de 12:19.2, nos 5 Km con 21:50, e a de equipos na distancia dos 5K.
Outra das novas importantes foi a do récord do mundo logrado polo equipo de remudas mixto X55 dos 4×200 m. na que tomaba parte o presidente-atleta do Atletismo Sada Fernando Míguez, quen xunto a Vallejo, Colás e Arroyo lograba rematar a proba cun rexistro de 1:46.08 que rebaixaba os 1:48.14 que tiña o equipo de EEUU desde o ano 2025. A maiores, concluía a súa participación neste campionato tomando parte nos 4×200 m. M55 nos que sumaba unha medalla de bronce e un novo récord de España con 1:43.30.
Nas probas de velocidade tanto Sergio Rodríguez como María Mesías lograban subir ao podio por partida dobre. O guardés, volvía novamente ao podio dun campionato de Europa máster repetindo o metal de prata acadado en Madeira na súa distancia preferida, os 200 m. logrando ademáis, un récord galego con M35 con 21.89 (semifinal). Nas remudas 4×200 homes e xunto a Carmona, Díaz e Gil, sumaba un segundo metal, desta ocasión de ouro, cun crono de 1:31.33.
María Mesías pola súa banda, era outra das galegas que subían por partida dobre ao podio europeo, logrando a medalla de bronce na proba dos 200 m. F45 nunha gran carreira que remataba en 27.56, e a prata nas remudas 4×200 femininas.
O participante galego de máis idade, Pablo Fervenza (M70) sumaba dous subcampionatos por equipos nas modalidades dos 5K e do campo a través, ampliando outro non menos dilatado palmarés a nivel internacional.
O artigo Doce medallas para o atletismo máster galego nos campionatos de Europa publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Doce medallas para o atletismo máster galego nos campionatos de Europa
