Publicado por: F.G. Atletismo
Non se pode cualificar máis que de merecido e rotundo o éxito acadado pola selección galega de probas combinadas, que esta fin de semana en Valencia se proclamou campioa de España por seleccións. O combinado galego dominou con autoridade a competición, superando con claridade ás seleccións valenciana e catalana, que partían como principais favoritas ao título.
O equipo galego, integrado por Andrea Reija, Xoel Otero, Lucía Sánchez del Valle, Gerson Vidal Izaguirre, Martina Gutiérrez, o sub20 Jesús Arias, acompañados na parcela técnica pola responsable do sector Verónica Cores e o técnico Juan Trillo, sumaban un total de 24.434 puntos. Esta puntuación permitiulle aventaxar en 113 puntos a Catalunya e en 197 á Comunitat de Valenciana, segunda e terceira clasificadas, respectivamente.
O triunfo galego estivo liderado por Gerson Vidal Izaguirre, quen xa este ano acadara a medalla de bronce no Campionato de España en pista curta. O atleta asinou unha destacada actuación ao sumar 7.570 puntos, mantendo unha intensa loita polo primeiro posto individual co campión de España indoor, Pol Ferrer, que finalmente se impuxo por unha marxe mínima de tan só dous puntos. Vidal destacou especialmente nas probas de lanzamento de peso, 110 metros valos e disco, nas que acadou a vitoria.
Na categoría feminina, Andrea Reija foi a mellor representante galega tras lograr unha brillante terceira posición con 5.243 puntos. A lucense nun excelente estado de forma, só se viu superada pola campioa de España Andrea Medina e pola catalana Rovira. Reija destacou, ademais, coa súa vitoria na proba dos 100 metros valos.
Cómpre tamén salientar a gran actuación de Lucía Sánchez del Valle, que finalizou en quinta posición cun total de 5.231 puntos. Xunto a ela, contribuíron de maneira decisiva ao éxito colectivo Xoel Otero, noveno con 6.388 puntos; Martina Gutiérrez, duodécima con 4.162; e o sub20 Jesús Arias, cuarto da súa categoría con 6.390 puntos e MMP. O conxunto destas actuacións permitiu que Galicia ascendese ao máis alto do podio.
Con este triunfo, Galicia conquista o seu primeiro título desde a unificación das categorías masculina e feminina no ano 2012. Non obstante, cómpre lembrar que xa acadara os títulos na categoría masculina nas edicións de 2007 en Monzón e 2008 en Cartaxena.
Este título, representa unha merecida e xusta recompensa para unha selección que nos últimos anos viña acumulando postos de podio e actuacións destacadas, e que finalmente ve recoñecido o seu esforzo cun título tan agardado como xusto.
O artigo Unha gran selección galega de combinadas logra o campionato de España publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Unha gran selección galega de combinadas logra o campionato de España
