Publicado por: S.G.Pontevedra
Tiñamos moitos frentes abertos esta fin de semana.
Por un lado, Logroño, cos seis gimnásticos convocados pola Seleción Galega para o Campionato de España por Selecións Autonómicas. A seleción galega conseguiu o sexto posto, e os nosos atletas deixaron claro por qué son nomes habituais nas convocatorias. Como non podía ser doutro xeito, Dani Chamosa foi o estandarte do club, co seu primeiro posto nos 5000 metros marcha volvendo á competición tras unhas semanas de recuperación por mor dunha lesión. Destacaron tamén as actuacións de Cris Garrido, que fixo dobrete no 100 metros lisos e ademais como membro do equipo de remuda mixta da mesma distancia como tamén fixeron sus compañeiros, Alexis Miguéns e Lara López, que formaron parte do equipo de remudas mixtas do 4×400.
O día seguinte foi o turno para a seleción galega sub18 e repetiron o posto conseguido pola absoluta, o sexto posto, con actuacións destacadas de Carmen Paz, terceira na súa serie do 200 metros lisos ou o oitavo posto conseguido por Miguel Ángel López no lanzamento de peso.
Mentres os selecionados competían en Logroño, Ourense volvía ser o centro do atletismo autonómico. Concretamente, Pereiro de Aguiar, unha pista xa coñecida polos nosos atletas. Era o turno dos sub20 e sub23 para disputar o Campionato Galego en Aire Libre das súas categorías e, coma sempre, baixo un sol de xustiza, houbo chuvia de medallas.
En categoría sub20, Gema Magdaleno, en progresión constante, fixo dobrete nos lanzamentos. No disco subiu ó segundo caixón do podio para recoller a súa prata pero foi no lanzamento de peso onde se fixo co título autonómico. O seu compañeiro de lanzamentos, Eloy Acuña, fixo dobrete de primeiros postos, no lanzamento de disco e no de peso. Seguindo co éxito nos lanzamentos, neste caso no de disco, foi segunda Paloma Puig. Lucas Pena comeza a ver os resultados do traballo duro e a constancia, subindo ó podio como campión no 3000 metros lisos e como subcampión do 800 onde ademais conseguir unha nova mellor parca persoal. Outra asidua dos podios, Sabela Martínez, tamén subiu a dous podios na xornada, o primeiro posto nos 3000 metros lisos e o segundo no 800, onde foi a súa compañeira, María Estévez, quen cruzou a meta por diante. O ouro autonómico tamén foi a parar ás mans de Xabi Lires no 400 metros valos, e outra atleta en progresión estratosférica, Lucía Sánchez del Valle, tamén se fixo co título autonómico no salto de lonxitude.
Sen embargo, non quedaba aí a fin de semana de competicións. Ata Madrid foron os nosos máster para disputar o Campionato de España e, de novo, deixaron claro que non perdem a forma.
Sergio Rodríguez voltou a ser o protagonista da xornada. Dobrete de ouros no 200 e no 400, establecendo en ambas distancias o novo récord dos campeonatos e, no caso do 400, tamén o novo récord galego máster35 da distancia.
Non quedou atrás o noso adestrador, Santi Ferrer, campión de España de salto con pértega en categoría máster35. Outro dos asestradores e tamén asiduo dos podios máster, Julio Ventín, foi subcampión en lanzamento de disco máster60, e campión no lanzamento de martelo, participando co noso filial, o Sada.
Outra medalla en pértega conseguiuna Penélope Barreiro, esta vez en categoría máster45.
Nesta ocasión un dos nosos atletas estreou a categoría máster da mellor das maneras. Carlos Revuelta chega pisando forte levando o título naciona da categoría no lanzamento de martelo.
E o final a estas xornadas de competición puxérono os pequenos sub14 en Vigo, co seu campionato galego de clubs onde o combinado masculino foi bronce e o feminino conseguiu o quinto posto.
Parabéns a todos!!
Enlace con la noticia original: A seleción galega e nova coleción de medallas sub20, sub23 e máster ·2026·
