Publicado por: F.G. Atletismo
Un total de 38 atletas galegos e galegas desprazaranse esta fin de semana ata a Cidade Deportiva da Xunta de Extremadura, en Cáceres, para participar no Campionato de España Sub23 de atletismo, unha das grandes citas do calendario estatal da categoría e que reunirá durante o sábado e o domingo a máis de 700 participantes chegados de todos os recunchos do Estado.
A representación galega afronta este campionato con ambición e con nomes destacados en practicamente todos os sectores do programa, desde a velocidade e os valos ata os concursos, os lanzamentos, as probas combinadas e as remudas.
Entre os nomes propios da expedición galega sobresae Fabián Parada, do Barbanza, que competirá nos 400 metros lisos nun excelente momento de forma. O atleta barbanzán chega á cita cacereña cun estado físico e competitivo moi prometedor, ata o punto de que podería poñer en perigo o histórico récord galego de Isidoro Hornillos, vixente desde o ano 1979 cun rexistro de 46.24.
Outra das grandes referencias galegas na velocidade será Ainhoa Reparaz, que recentemente establecía o récord galego absoluto dos 100 metros cunha marca de 11.47. A atleta chega a Cáceres nun momento óptimo e aspira a pelexar de maneira directa polas medallas na proba raíña da velocidade.
Nos valos, Galicia tamén contará con opcións destacadas. David Vicente, xa medallista de bronce no pasado campionato indoor, preséntase como un dos atletas con claras aspiracións grazas á súa marca acreditada de 14.31. Pola súa banda, Nerea Amigo, do CAPEX e ex plusmarquista galega Sub23, terá unha boa oportunidade para volver achegarse á súa mellor versión, rebaixar os 14.14 e loitar por un posto de privilexio.
Na proba de 3.000 metros obstáculos, Pilar Rojo, do Riazor Coruña, acode ao campionato avalada pola oitava mellor marca das participantes, circunstancia que lle permite aspirar a un papel destacado nunha disciplina sempre moi esixente desde o punto de vista táctico e físico.
Nos saltos, o campión galego absoluto de lonxitude, Unai Loureiro, do Riazor Coruña, será outro dos atletas a seguir de preto. O coruñés competirá tanto en lonxitude como en triplo salto, dúas probas nas que buscará situarse nos postos de cabeza e nas que terá como reto mellorar os seus rexistros desta tempada, 7,31 metros e 14,90 metros, respectivamente. Tamén nos concursos, Manuela Blanco, do Sanysec-Ourense, afronta no seu primeiro ano como atleta Sub23 unha cita de gran esixencia na que tratará de achegarse á barreira dos 4 metros.
Nos lanzamentos, Galicia volverá presentar candidaturas de nivel. Xiana Lago, do Ría Ferrol, e Fernando Vallines, do Atletismo Portugalete, intentarán repetir presenza no podio, tal e como xa fixeran no pasado Campionato de España indoor, no que lograron a prata e o bronce, respectivamente.
Ademais, Nicolás Ortega, do Atletismo Portugalete, en disco, e Daniel Villanueva, do Sanysec-Ourense, en martelo, parten con algunhas das mellores marcas nos seus respectivos concursos, polo que se perfilan como aspirantes a pelexar polos postos de honra. Precisamente no lanzamento de martelo feminino, a ourensá Blanca Pereira preséntase como unha das grandes favoritas ao título de campioa de España, despois de liderar con autoridade o ranking estatal grazas a un mellor lanzamento de 63,70 metros.
As probas combinadas volverán ser outro dos focos de interese para a participación galega. A internacional Lucía Sánchez del Valle, da Gimnástica, chega en moi bo estado de forma e sitúase como unha das aspirantes máis firmes ao título de campioa de España. Sen saír desta modalidade, tamén competirán sobre o sintético cacereño Carlota Salgado, do Celta Atletismo, e o subcampión de España indoor Xoel Otero, do Mazí, dous atletas cuxas marcas os colocan igualmente na loita polas medallas.
A presenza galega nesta edición, péchase coas remudas, apartado no que estará o Marineda Atlético que presentan ao seu equipo masculino de 4×100 metros, co obxectivo de ofrecer unha boa actuación e pelexar por un posto destacado nunha proba sempre aberta e de gran esixencia competitiva.
O artigo Galicia acude con 38 atletas ao Campionato de España Sub23 de Cáceres publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Galicia acude con 38 atletas ao Campionato de España Sub23 de Cáceres
