Publicado por: F.G. Atletismo
As pistas da UDC en Elviña acollerán esta fin de semana o Campionato de España Máster por Equipos, unha cita de máximo nivel que reunirá na cidade da Coruña aos mellores conxuntos do panorama estatal nas categorías de Primeira e Segunda División, consolidando á cidade herculina como un dos grandes focos do atletismo máster a nivel estatal.
No día de onte tivo lugar o acto oficial de presentación deste campionato nas propias pistas de Elviña, escenario da competición. Ao acto asistiron Yolanda González, secretaria xeral da Federación Galega de Atletismo; Fernando Míguez, presidente do Club Atletismo Sada; Toto Bazán, presidente do Marineda Atlético; e Daniel Giménez, director deportivo do Club Atletismo Sada.
Durante a fin de semana, A Coruña será o punto de encontro do mellor atletismo máster español, cun campionato no que, segundo o estadillo, participarán algúns dos equipos máis destacados do país. Entre eles, terá un protagonismo especial a presenza dos conxuntos galegos, que volverán competir cun papel moi relevante.
Na Primeira División estarán presentes os dous equipos do Atletismo Sada, tanto en categoría masculina como feminina, así como o Samertolameu, que competirá na categoría feminina. Pola súa banda, na Segunda División participarán tamén os equipos galegos do Marineda Atlético e do Samertolameu na categoría masculina, ademais do C.D. La Purísima na categoría feminina.
Cómpre salientar os excelentes resultados acadados nos últimos Campionatos de España polos equipos galegos que compiten na Primeira División, confirmando o gran momento que vive o atletismo máster galego e o alto nivel competitivo das súas formacións.
Nesta edición agárdase un campionato especialmente emocionante, no que o Atletismo Sada defenderá o título nacional conquistado en Ibiza hai dous anos, despois de que no ano 2025 non se celebrase o campionato. A defensa deste campionato por parte do conxunto sadense será, sen dúbida, un dos grandes focos de atención da competición.
O atletismo máster, en medre
A celebración deste Campionato de España Máster por Equipos volve poñer de manifesto a importancia e o peso do atletismo máster galego no conxunto do atletismo da nosa comunidade e do panorama estatal, cun número crecente de clubs e atletas que destacan ano tras ano polo seu nivel deportivo, o seu compromiso e a súa capacidade competitiva.
A Coruña prepárase así para vivir unha intensa fin de semana de atletismo, coa presenza de grandes equipos, atletas de primeiro nivel e unha competición que promete espectáculo, emoción e un novo impulso para o atletismo máster galego.
O artigo Os mellores clubs máster de España estarán en Elviña esta fin de semana publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Os mellores clubs máster de España estarán en Elviña esta fin de semana
