Publicado por: F.G. Atletismo
Continúa avanzando este mes de agosto coa mirada posta na celebración dos Campionatos de Europa de Birmingham, unha cita na que están a tomar parte un total de seis atletas galegos coa intención de pechar a tempada ao aire libre 2026 cun gran resultado.
Á espera das marcas e dos rexistros que poida deixar a competición na cidade británica, facemos balance do que está a dar de si esta campaña, centrando nesta ocasión a análise na presenza dos atletas galegos —e daqueles deportistas con ficha galega— entre os dez primeiros postos dos rankings absolutos da Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
En total, 20 atletas galegas e galegos ou con ficha galega forman parte actualmente do Top 10 estatal da categoría absoluta, nunha relación que volve poñer de manifesto o excelente nivel do atletismo da nosa comunidade en especialidades tan diversas como os lanzamentos, o medio fondo, a marcha, as probas combinadas ou os saltos.
Belén Toimil, ao fronte do peso
Entre os nomes máis destacados figura Belén Toimil, que continúa liderando con autoridade o ranking español de lanzamento de peso. A atleta galega ten como mellor marca da tempada os 17,80 metros logrados o pasado 25 de febreiro na localidade checa de Nehvizdy, un rexistro que lle permite manterse no primeiro posto da clasificación estatal.
Na categoría Sub23, Xiana Lago ocupa tamén unha posición de privilexio. A galega lanzou este ano ata os 14,54 metros en Sabadell, marca que a sitúa entre as oito mellores do ranking RFEA
Na categoría masculina, o referente galego é o plusmarquista absoluto Fernando Vallines, que asinou este ano un mellor rexistro de 17,53 metros, instalándose igualmente entre os mellores especialistas estatais.
Dominio galego no lanzamento de xavelina
O concurso de xavelina presenta unha importante presenza galega nos primeiros postos do ranking. O liderado corresponde á olímpica Yulenmis Aguilar, que este ano regresou á máxima competición despois dunha intervención cirúrxica que a mantivo durante un longo período afastada das competicións.
Con apenas un reducido número de lanzamentos nesta campaña, Aguilar xa conseguiu situarse no primeiro posto do ranking español cun mellor rexistro de 61,83 metros, deixando ademais a sensación de que aínda ten marxe para mellorar esa marca no tramo final da tempada.
Na segunda posición aparece Yiset Magali Jiménez, atleta colombiana con ficha galega, que lanzou ata os 60,54 metros, consolidando unha destacada presenza galega nunha proba na que o atletismo da comunidade volve demostrar o seu potencial.
Tamén figura no Top 10 Paula Piñón, autora este ano dun mellor lanzamento de 46,73 metros que fan dela un ano máis merecedora de postos importantes.
Adrián Ben, entre os mellores do medio fondo
No medio fondo, Adri Ben continúa instalado na elite nacional e internacional tanto nos 800 como nos 1.500 metros.
Na distancia curta, o atleta galego conseguiu este ano baixar da barreira dos 1:45. O pasado 16 de maio parou o reloxo en 1:44.45, un rexistro que o sitúa na terceira posición do ranking español.
Nos 1.500 metros, distancia na que centra boa parte da súa preparación e na que se proclamou campión de España, Ben asinou un excelente 3:32.66 o pasado 3 de xullo en Francia. A súa participación nos Campionatos de Europa de Birmingham fai pensar que esta marca aínda pode ser mellorada no que resta de tempada.
Caicedo e Revuelta, protagonistas nos lanzamentos
No lanzamento de disco, o atleta ecuatoriano con ficha galega Juan José Caicedo ocupa a segunda posición do ranking RFEA grazas aos 64,44 metros logrados a principios deste mes na localidade portuguesa de Leiria.
Pola súa banda, Carlos Revuelta mantense un ano máis entre os principais especialistas estatais do lanzamento de martelo. O atleta, que compaxina a súa carreira deportiva co labor de adestrador, asinou en febreiro, en Castelló, un mellor rexistro de 62,40 metros.
No martelo feminino, a cada vez máis competitiva Blanca Pereira acada o terceiro posto do ranking español cunha marca de 63,70 metros, un rexistro que confirma a súa progresión e a súa consolidación entre a elite estatal.
Xunto a ela aparece Aixa Corbacho, que regresaba de Lima o pasado mes de xuño cun lanzamento de 61,07 metros, marca que a sitúa na sétima posición do ranking nacional.
Edymar Brea, entre as mellores nos 5.000 metros
Nas probas de fondo destaca a presenza da hispano-venezolana Edymar Brea, recentemente protagonista nos Xogos Centroamericanos e do Caribe, onde conseguiu dúas medallas.
Brea realizou o pasado 23 de maio en Bruxelas un tempo de 15:43.31 nos 5.000 metros, unha marca que a coloca na sétima posición do ranking español, confirmando a súa regularidade e o seu excelente momento competitivo.
A marcha, outra das grandes fortalezas
A marcha atlética continúa deixando excelentes noticias para o atletismo galego. Na distancia de media maratón, Antía Chamosa logrou en Cieza a segunda mellor marca española da tempada, cun rexistro de 1:33:45, só por detrás de María Pérez.
Sobre a mesma distancia, Aldara Meilán está a protagonizar unha magnífica tempada posicionandoa na elite mundial. A atleta galega sitúase actualmente a apenas 59 segundos da mellor marca estatal, ocupando o cuarto posto do ranking.
Na categoría masculina, Dani Chamosa ocupa tamén a cuarta posición, neste caso na distancia de maratón marcha, modalidade que está chamada a formar parte do programa olímpico xunto coa media maratón marcha. O galego presenta este ano unha mellor marca persoal de 3:13:10.
Gerson Vidal, terceiro no decatlón
Nas probas combinadas, Gerson Vidal Izaguirre, recentemente nacionalizado español, sitúase no terceiro posto do ranking nacional de decatlón cunha suma de 7.679 puntos, acadada en Arona o pasado mes de xuño. O atleta hispano-venezolano tamén consegue un destacado rexistro nos 110 metros valos, unha das súas especialidades, cun tempo de 13.74, marca que lle permite entrar igualmente no Top 10 español desta disciplina.
Tres galegos entre os mellores nos saltos
Os saltos achegan tamén tres nomes galegos ás primeiras posicións dos rankings estatais.
En lonxitude, Sergio Coello asinou o pasado 13 de xullo un mellor salto de 7,85 metros, situándose entre os especialistas máis destacados do país.
No triplo salto, Alba Cuns continúa coa súa progresión mentres adestra e se forma nos Estados Unidos. A galega conseguiu este ano unha mellor marca de 13,27 metros, suficiente para situarse entre as dez mellores saltadoras do Estado.
Pola súa banda, Manuela Blanco continúa coa súa progresión no salto con pértega. A atleta instalouse este 2026 na barreira dos 4,00 metros, un rexistro que lle permite pechar o Top 10 nacional da especialidade.
Demeku Paniagua, nova presenza nos obstáculos
Nas probas de fondo con obstáculos destaca tamén a entrada no Top 10 dunha das atletas galegas con maior proxección. Demeku Paniagua, natural de O Pino, foi capaz de correr este ano os 3.000 metros obstáculos en 10:19.39, un rexistro que confirma a súa progresión e lle permite facerse un oco entre as mellores especialistas españolas.
Unha representación que confirma o nivel do atletismo galego
Os datos deste balance permiten poñer en valor unha realidade que se está consolidando ano tras ano: o atletismo galego conta con presenza habitual nas primeiras posicións dos rankings estatais en numerosas especialidades.
20 atletas entre os dez mellores de España supoñen unha representación especialmente significativa e que abrangue tanto especialistas consolidados na elite como deportistas que están a completar os seus primeiros pasos cara á máxima competición.
E aínda queda tempada por diante. Co foco posto agora nos Campionatos de Europa de Birmingham e nas últimas competicións do calendario ao aire libre, varios destes atletas terán a oportunidade de mellorar as súas marcas, escalar posicións nos rankings e poñer o broche a unha campaña 2026 que, a estas alturas, xa está deixando importantes resultados para o atletismo galego.
Foto, RFEA
O artigo Unha vintena de atletas figura en postos Top10 RFEA absolutos publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Unha vintena de atletas figura en postos Top10 RFEA absolutos
