Publicado por: S.G.Pontevedra
Por fin non choveu no día de celebración do Gran Fondo Caixabank 2026 e notouse dende días antes. Os atletas esgotaron as inscricións deste ano nas dúas probas (10k e medio maratón), pero tamén tivemos a gran sorte de contar con decenas de cativos que se animaron a correr na súa proba, que se celebra íntegramente dentro da pista de atletismo antes de que os seus maiores se posicionen na ponte dos Tirantes para disputar as súas probas.
Os resultados non podían ser mellores para o noso club. Esta edición foi a do 10k, sen dúbida, onde dous atletas ben novos, Pepe Sánchez del Valle e Sabela Martínez foron os máis rápidos na distancia.
Pepe fixo una carreira con intelixencia, sen perder de vista ós principais favoritos, cun ritmo constante e conseguindo deixar a distancia necesaria para gañar esta edición con facilidade, correndo en solitario os últimos kilómetros. Entrou na meta en 32:21 minutos, seguido de Mario Santos García, cun tempo de 33:02, sendo terceiro Alejandro Cadaya, con 33:08.
Pola súa parte, Sabela Martínez, afeita a Campionatos de España absolutos sendo unha atleta sub20, fixo un tempo de 36:55 que lle valeu a primeira posición. Fixo a carreira acompañada do seu adestrador, Manuel Hurtado, que coñece ben a proba, posto que él mesmo foi o campión ata en catro ocasións. Seguindo as súas indicacións e deixando claro o traballo que fai a diario, chegou á meta con dous minutos de diferencia respecto á segunda clasificada, a súa compañeira da Gimnástica, Isabel Caeiro, que levou a prata moi axustada coa terceira clasificada, Alba Raso. Ambas fixeron unha carreira salientable mantendo esa mínima diferencia durante gran parte do percorrido.
Ás 11 da mañá, como é tradición, deuse a saída do Medio Maratón. O favorito e campión da pasada edición, Víctor Puyuelo, foi desta vez cuarto, nunca carreira masculina que foi ben disputada, cun grupo de carreira compacto onde ninguén se perdía de vista.
Finalmente foi o atleta de Ponteareas, Denis Incutti quen levou o trofeo de campión (01:06:25), seguido moi de preto por Alejandro Fernández, a quen lle agradeceu que lle puxera as cousas difíciles, que entrou a escasos vinte segundos (01:06:44) e que bromeaba na súa chegada a meta co nivel demostrado polo seu rival deixando claro que o deporte vai de superarse e sacar o mellor de cada un. O terceiro en discordia, Hugo García, cruzou a liña de meta en 01:09:55.
No caso das féminas, houbo expectación e emoción ata o último momento. Durante toda a carreira a cabeza de carreira foi ben preto, chegando a atravesar moitos dos puntos de control co mesmo tempo e na meta, situada no CGTD, xa se agardaba un emocionantísimo sprint final para decidir o podio. Finalmente foi a pontevedresa Ángela Rodríguez quen chegou a levantar a cinta de meta cun tempo de 01:26:00, tan só doce segundos antes que a segunda clasificada, Sabela Martínez (casualmente igual que a gañadora do 10k), chegando terceira a vixente campioa, Marina Porteiro, atleta da Gimnástica, que non chegou moi conforme co rendemento nesta ocasión, cun tempo de 01:28:00, que lle valeu ocupar o terceiro chanzo do podio.
Dende a Gimnástica queremos felicitar a todos eles e a todos os participantes por encher as rúas e o CGTD de atletismo. Polo ambiente creado, polo compañerismo e polos sorrisos que tanto destacaba Terio Carrera, o speaker, nas distintas chegadas a meta.
Tamén agradecemos a todos os colaboradores de patrocinadores: Concello de Pontevedra a través do Servizo de Deportes, Caixabank, Xunta de Galicia, Escola Naval de Marín, Froiz e A Devesa.
Agradecer tamén a colaboración de Ofivol na xestión do voluntariado e a todos eles pola disposición e o traballo realizado un ano máis.
O ano que vén será unha edición especial, a edición do Centenario do club. Contamos con todos vós para celebralo xuntos!
Enlace con la noticia original: Gran fondo Caixabank 2026 con moita presenza Gimnástica
