
Publicado por: F.G. Atletismo
O atletismo galego continúa avanzando no seu obxectivo de fortalecer a súa base e favorecer o crecemento deportivo das novas xeracións. Neste sentido, a posta en marcha do I Circuíto de Atletismo en Pista Deputación de Pontevedra e a continuidade do IV Circuíto Deputación da Coruña en Pista 2026 representan unha importante aposta pola promoción deste deporte.
Ambas as competicións permiten aos atletas das categorías de formación contar con máis oportunidades para competir, adquirir experiencia, mellorar as súas marcas e compartir os valores propios do deporte. Son, ademais, unha ferramenta esencial para apoiar o traballo diario dos clubs e adestradores e favorecer a incorporación de novos deportistas ao atletismo.
A boa acollida que están tendo ambos os circuítos, tanto polo número de participantes como pola implicación dos clubs, confirma o interese e a necesidade de seguir impulsando este tipo de iniciativas, que contribúen a dinamizar a actividade atlética e ampliar a oferta competitiva nas dúas provincias.
Neste contexto, cómpre destacar especialmente a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Deputación da Coruña, cuxo apoio económico resulta fundamental para facer posibles estes proxectos. O seu patrocinio representa unha aposta decidida polo deporte de base, pola igualdade de oportunidades e polo fortalecemento do tecido deportivo, contribuíndo directamente ao futuro do atletismo galego.
Precisamente, esta fin de semana ambos circuítos volverán ter protagonismo coa celebración de dúas novas xornadas. Así, o sábado 28 de novembro, a partir das 10:00 horas, as pistas da Malata, en Ferrol, e as do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), en Pontevedra, recibirán os participantes na 3ª xornada do IV Circuíto Deputación da Coruña e na 4ª xornada do I Circuíto Deputación de Pontevedra, respectivamente.
Dúas citas que permitirán seguir comprobando a excelente resposta que están a ter estas iniciativas e que poñen de manifesto a importancia de manter a colaboración entre as institucións e o ámbito deportivo.

O artigo Sábado de circuítos nas Deputacións de Pontevedra e Coruña publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Sábado de circuítos nas Deputacións de Pontevedra e Coruña
