Balaídos vibrou co campionato de España de clubs Sub14

Publicado por: F.G. Atletismo

As pistas de atletismo de Balaídos viviron esta fin de semana dúas intensas xornadas de atletismo coa celebración do XIII Campionato de España Sub-14 por equipos, que reuniu en Vigo algúns dos mellores conxuntos estatais da categoría. A cita estivo acompañada dunha extraordinaria resposta do público, cunhas bancadas ateigadas de afeccionados que seguiron con entusiasmo a evolución dos mozos e mozas atletas ao longo de toda a competición.

O campionato deixou un balance moi positivo para o atletismo galego, coa participación de seis equipos da comunidade que competiron de ti a ti cos mellores conxuntos Sub14 logrando resultados destacados tanto na clasificación colectiva como nas probas individuais.

O Celta quinto en homes e o Atletismo Sada sétimo en mulleres

Na categoría masculina, o Real Club Celta foi o equipo galego máis destacado ao acadar unha brillante quinta posición final, cun total de 587 puntos. Os célticos completaron unha competición moi regular, na que sumaron importantes resultados nas distintas disciplinas do programa.

Tamén tivo unha actuación salientable o Atletismo Sada, que finalizou na sétima posición, mentres que a Sociedad Gimnástica de Pontevedra rematou no posto 13º, completando a representación galega masculina.

Na categoría feminina, o mellor resultado dos equipos galegos correspondeu ao Atletismo Sada, que conseguiu unha meritoria sétima posición na clasificación final. Pola súa banda, a Sociedade Atlética Vila de Vigo concluíu décima, despois de protagonizar unha gran primeira xornada que a situara provisionalmente na terceira posición da clasificación xeral.

Completaron a participación galega o equipo feminino da Gimnástica de Pontevedra, que rematou no posto 26º, e o Lucus Caixa Rural Galega que finalizou na posición 30ª.

Os resultados poñen de manifesto o bo traballo que se está a desenvolver nos clubs galegos nas categorías de formación, cunha presenza importante nun campionato de contou cun altísimo nivel.

Triunfos galegos e numerosas medallas individuais

O apartado individual deixou tamén grandes alegrías para os equipos galegos, con triunfos e postos de podio en distintas disciplinas.

Unha das actuacións máis destacadas foi a de Sara Zuluaga, do Atletismo Sada, que se impuxo na proba dos 80 metros valados. Tamén acadou o triunfo Deva Pallas, da Sociedade Atlética Vila de Vigo nos 2.000 metros marcha, nunha actuación que confirmou o potencial das atletas galegas nesta categoría.

A representación viguesa sumou ademais varios postos de honra. Joel Núñez do Real Club Celta, foi segundo no salto de altura, mentres que o seu compañeiro Pablo Iglesias conseguiu a segunda posición no salto de lonxitude. Pola súa banda, Laia Gesto do Vila de Vigo, rematou segunda nos 2.000 metros marcha.

Especialmente salientable foi a competición de Ariadna Arroyo do Atletismo Sada, que conseguiu dúas medallas de bronce ao finalizar terceira nos 80 metros lisos e no lanzamento de peso, demostrando unha notable polivalencia.

O medalleiro galego completouse cos bronces de Javier Sancosmed do Celta no salto de altura así como a dos atletas da Gimnástica Xoana Beis nos 80 metros valados e Hugo Cordal e Lía Geralavicius na proba dos 1.000 metros.

Unha colleita de resultados que reforza o papel dos clubs galegos no desenvolvemento do atletismo de base e que permitiu ao público de Balaídos gozar de actuacións de gran nivel ao longo das dúas xornadas.

A.D. Marathon e Trops-Cueva de Nerja, campións de España

Na loita polos títulos estatais, a categoría feminina coronou a A.D. Marathon, que conquistou o seu primeiro título de campión de España na historia da competición, cun total de 859 puntos na mesntras que na categoría masculina o Trops-Cueva de Nerja volvía situarse no máis alto do podio, conseguindo o seu segundo título nacional despois do logrado en 2017.

Balaídos, escaparate do atletismo de base

Máis alá dos resultados, o Campionato de España Sub-14 por equipos deixou en Vigo unha imaxe de forza e vitalidade do atletismo de base. A gran afluencia de público, o ambiente nas bancadas e a implicación dos clubs converteron Balaídos nun escenario ideal para unha competición que ademáis contou ca asistencia do Concelleiro de Deportes Manel Fernández.

Resultados

O artigo Balaídos vibrou co campionato de España de clubs Sub14 publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Balaídos vibrou co campionato de España de clubs Sub14

Mas noticias relacionadas