Á conquista de Europa

Publicado por: F.G. Atletismo

No día de hoxe e ata o domingo, tomarán parte as/os 45 atletas da selección Española que competirán nos Campionatos de Europa de Atletismo en Pista Cuberta que terá por escenario o Arena Commonwealth da cidade escocesa de Glasgow.

A esta lista acuden un total de dúas atletas galegas, un galego, así como un xuíz acompañante que formarán parte da expedición oficial.

Ana Peleteiro (clasificatorias día 1 ás 12:00 horas) quen tomará parte no concurso de triplo, é a que parte con máis serias posibilidades de acadar un podio no seu concurso xa que os seus 13.51 m. sitúana entre as claras aspirantes. Lembramos que a saltadora riveirense xa acadara o ano pasado o bronce tanto nos mundiais de pista cuberta de Birmingham, como nos europeos ó aire libre de Berlín.

Os 1.500 m. é a proba que conta con dobre representación galega ca presenza tanto Adrián Ben (clasificatorias día 1 ás 11:55 h.) como Solange Pereira os cales estarán na saída da proba raíña do medio fondo.  A esta cita o lucense acude nun estado de forma excepcional que faría que acadara un formidable décimo posto no Campionato de Europa de campo a través, así como os rexistros de 1:48.18 nos 800 m. e os 3:42.25 sobre os 1.500 m. ambos récords de galegos Sub23. O seu obxectivo será acumular experiencia na alta competición e tentar rebaixar a súa MMP.

Solange Pereira (clasificatorias día 1 ás 19:10 horas) con dez internacionalidades xa coñece o que é a alta competición, acudindo a este campionato co título de campioa de europa de campo a través por relevos do pasado decembro en Tilburg e ca marca de 4:10.89 nos 1.500 m. A súa última actuación nuns europeos de pista cuberta foi no 2017 en Belgrado onde sería cuarta nas series semifinais con 4:15.09, sendo un dos seus obxectivos a mellora desa actuación.

Por último pontevedrés Eloy Bretal tamén acudirá o Campionato de Europa como xuíz acompañante da expedición oficial. Este xuíz de Nivel III, que xa actuara nos XX.OO de Barcelona 92 é o actual Presidente do Comité Galego de Xuíces.

Campionato de Europa Pista Cuberta de Glasgow 2019

O artigo Á conquista de Europa publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Á conquista de Europa

Mas noticias relacionadas