Publicado por: F.G. Atletismo
A pista curta de Expourense foi escenario esta fin de semana do Campionato Xunta de Galicia Máster, celebrado nas modalidades individual e de probas combinadas, cun balance altamente positivo tanto en participación como en nivel competitivo.
A competición contou cunha ampla presenza de atletas máster procedentes de distintos clubs galegos e desenvolveuse nun excelente ambiente deportivo, favorecendo a consecución de importantes rexistros. En total, ao longo das xornadas acadáronse dezaseis novos récords galegos, confirmando o gran momento do atletismo máster na comunidade.
Principais actuacións na categoría feminina
Na categoría feminina, destacou especialmente Mari Carmen Rodríguez (SD Compostela), quen se converteu nunha das protagonistas do campionato ao establecer dous novos récords galegos F70 nas probas de:
- 400 metros, cun tempo de 1:29.63
- 800 metros, con 3:16.09
Nos concursos, Lucía Ferreiro (At. Sada) mellorou o seu propio récord galego F45 en salto con pértega, elevando o listón ata os 3,06 metros.
A atleta Herminia Grande (Sanysec-Ourense), campioa de España en ruta, asinou tamén unha destacada actuación nos 3.000 metros marcha, cun rexistro de 17:53.53. Pola súa banda, Purificación Cariñena (At. Sada) logrou un total de 2.283 puntos no pentatlón da categoría F50.
Récords e grandes marcas na categoría masculina
En homes, salientou o récord galego de Jacinto Cea (Samertolameu), quen mellorou a súa marca nos 60 metros M45, detendo o crono en 7.48.
Na proba dos 200 metros, Fernando Míguez (At. Sada) na categoría M55 e José Cidrás (San Miguel de Marín) en M75 estableceron novas plusmarcas autonómicas con tempos de 25.71 e 34.79, respectivamente.
O subcampión de Europa máster Sergio Rodríguez (S.Gimnástica) proclamouse campión nos 200 e 400 metros M35, logrando ademais un novo récord galego nos 400 metros cun tempo de 50.23.
Manuel Millara, protagonista na categoría máster-80
Un dos nomes máis destacados do campionato foi o de Manuel Millara (Comesaña S.C.), quen, a poucas semanas de cumprir 82 anos, estableceu dous récords galegos na categoría M80:
- 400 metros, con 1:44.73
- 800 metros, con 3:48.49
Outras actuacións relevantes
Noutras probas, sobresairon as actuacións de Eduardo García (Rías Baixas), quen asinou unha gran carreira nos 800 metros M50 con 2:07.31, así como Álvaro Presedo (Marineda Atl.) nos 1.500 metros M40.
Nos concursos, destacou tamén Carlos de La Peña (Marineda Atl.), plusmarquista galego absoluto de salto de altura, que superou os 1,68 metros na categoría M55. En salto de lonxitude, obtiveron marcas salientables Alberto Vázquez (Samertolameu), con 4,64 m en M60, e Fernando González de A Silva, con 3,77 m.
A seguinte parada importante para os máster serán os Campionatos de España que se estarán celebrando durate os días 6,7 e 8 de marzo en Antequera.
Galería de imaxes FGA do campionato
O artigo Chuvia de récords no galego máster publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Chuvia de récords no galego máster
