Expourense agarda polo autonómico Sub20

Publicado por: F.G. Atletismo

A pista cuberta de Ourense será escenario esta fin de semana da disputa do Campionato Xunta de Galicia Sub20 de pista cuberta individual e de combinadas.

A edición, que se desenvolverá durante os días 18 e 19 de febreiro, xuntará a máis de douscentos atletas na procura dalgunha das medallas que están en xogo.

Entre a relación de atletas inscritas e inscritos destaca a presenza da internacional e plusmarquista galega absoluta dos 100 m. Ainhoa Repáraz de Val Miñor, quen estará tomando parte na proba dos 200 m.  De igual modo a campioa de España da tempada pasada Xiana Lago do Ría Ferrol, parte como clara favorita a un título que sumar ao logrado recentemente no campionato de Galicia absoluto. A ceense estará acompañada pola tamén internacional e campioa de España Sub18 en martelo, Blanca Pereira do Ourense Atletismo.

Outras presenzas destacadas que poderemos ver sobre a pista ourensá serán as da triplista internacional do Ría Ferrol Diaou Diallo que o ano pasado lograba o bronce no nacional Sub20 desenvolto en Antequera. Pola súa banda a tamén medallista no nacional Sub18, Emma Sihuang Pérez, estará na relación de atletas que tomen parte no concurso de altura

Sobre a modalidade de combinadas, a subcampioa de España Sub18 Carlota Salgado do A.F.Celta intentará comezar este ano cun bo rexistro co que afrontar as inminentes citas nacionais.

A maiores estaremos tamén moi pendentes do que poidan facer nas probas de velocidade tanto Martín Barcia do Celta como Manuela Raviña do C.A.Santiago e Arauia Al Bachere do Atletismo Estrada sen esquecernos de Mario Rodríguez do Celta nos 1.500 m.; Diego Liñares do C.A.Santiago nos 60 valos; Daniel Cariñeña do C.A.Santiago na lonxitude; Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá no peso ou Manuela Blanco do Ourense Atletismo no concurso de pértega por citar algúns.

Foto de Fotocarlosgrafias

O artigo Expourense agarda polo autonómico Sub20 publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Expourense agarda polo autonómico Sub20

Mas noticias relacionadas