Publicado por: S.G.Pontevedra
Hoxe saltou a nova que a propia Antía se encargou de anunciar.
Despois de 6 anos, Antía Chamosa da un paso adiante na súa carreira para seguir medrando e deixa a Gimnástica para fichar polo equipo Joma. Un paso natural dada a progresión acadada nos últimos anos pola marchadora.
Durante estes seis anos Antía foi para o noso club un puntal do equipo feminino na Liga de Atletismo, dando sempre o mellor dela. Vímola medrar, competir e adestrar, aprender, caer e levantarse, sendo un exemplo para todos dentro da pista. Froito desa resiliencia, constancia e traballo duro foron os numerosísimos récords galegos batidos por ela unha e outra vez, deixando clara a súa fame de mellora, sendo a guinda esta última tempada onde Antía botou a voar como nunca.
Campioa de España das dúas distancias, seleccionada para os Xogos Olímpicos de París o ano pasado, finalista no Mundial de Tokio do pasado setembro, Antía despega na marcha deixando claro que quere máis e esa nena que medrou coa Gimnástica persigue agora obxectivos máis ambiciosos fóra de Pontevedra.
Dende a Gimnástica agradecémoslle a súa actitude, o traballo, o exemplo que foi e sempre será para a canteira e as súas compañeiras de equipo. Leva consigo as amizades, as anécdotas destes 6 anos e, sobre todo, o cariño de todos nós. Noraboa ó seu novo equipo, porque no só ficharon a unha campioa, senón a unha persoa case tan grande como o seu constante sorriso, que botaremos de menos.
Moita sorte para este novo camiño. Grazas, muchacha valerosa. Grazas, Antía.
Enlace con la noticia original: GRAZAS, Antía.
