I. Resumo dunha tempada: Récords de Aire libre

Publicado por: F.G. Atletismo

Co remate da tempada atlética 2017/2018 no día de hoxe, compre facer balance do número de récords galegos batidos en cada un dos distintos sectores e especialidades do noso deporte.

A nivel xeral foron un total de 261 récords de Galicia que se mellorarían nesta tempada na que o atletismo feminino, que ben experimentando un importante medre tanto en calidade como en cantidade nas últimas tempadas, encabeza a cifra con 141 récords.

Centrándonos por sectores e dando comezo nesta crónica polo aire libre, estableceríanse un total de 134 novas plusmarcas (82 femininas e 52 masculinas) na que salientamos os rexistros de Ana Peleteiro no concurso de triplo con 14.55 m. no mes de xullo en Getafe que a deixan cada vez máis preto do récord de España de Carlota Castrejano de 14.64 m. O rexistro da medallista de bronce tanto nos mundiais de pista cuberta como nos europeos de aire libre, levaríana a liderar o ránking nacional.

O sector de saltos depararía excelentes rexistros da man da Leticia Gil quen na lonxitude deixou o tope autonómico nos 6.23 m., ó igual que a internacional absoluta Saleta Fernández en altura con 1.86 m. rexistro este último que a colocarían de líder nacional no ránking.

Outra que lideraría o ránking nacional, a xavalinista internacional Lidia Parada, lanzaría ata os 61.25 m. no mes de xuño servindo este excelente resultado para lograr un récord galego que ademáis lle permitiría acudir tanto ó Campionato de Europa como ós Xogos Iberoamericanos.

Na velocidade o coruñés do Playas de Castellón Mauro Triana, quen sairía dunha lesión, daríalle tempo a parar o crono sobre os 200 m. en 20.93 o que o convertirían no primeiro galego en rebaixar da barreira dos 21 segundos eléctricos. Veremos a ver de que é capaz este ano sobre os 400 m. este referente da velocidade galega.

Os relevos serían outros dos sectores que máis melloras establecerían nesta campaña con nada menos que catorce plusmarcas autonómicas. Na categoría absoluta o Atletismo Feminino Celta lograría o 21 de abril con 47.57 o récord galego dos 4×100 malia que a Selección Galega no Torneo de Federacións tres meses despóis, rebaixaría este tope ata os 47.28. Neste mesmo torneo a selección feminina faría o propio nos 4×400 m. logo de marcar un rexistro de 3:45.03

No resto de categorías Adrián Ben nunha formidable tempada, lograría os récords galegos Sub23 tanto nos 800 m. con 1:46.94 como nos 1.500 con 3:49.30 liderando o ranking nacional. Na Sub18 e Sub23 importante progresión a da lanzadora viguesa de martelo Irene Gómez quen melloraría nada menos que en once ocasións os seus rexistros ata deixalo en 54.60 m.

Nos veteranos, importante protagonismo deste sector que tería en Angeles Rodríguez, Araceli Salgueiro, Cristina Estévez, Emilia Mesa, Esther Pedrosa, Juan Caamaño, Luz Domínguez, Miguel López, Pilar Marquiz, Carlos Alvarez, Isabel Bermudez, Javier Cid, José Manuel Gonta e Teresa Castro a atletas con máis dun récord no seu palmarés.

No apartado de récords de España, teriamos a varios dos nosos e nosas atletas colocados ó fronte dalgunhas probas. En concreto nos 1.500 máster 55 feminino, Esther Pedrosa con 4:56.69 convertiriase na plusmarquista nacional compartindo este mérito Eva Arias na máster 35 nos 2.000 obstáculos con 6:51.32 e Emilia Mesa na máster 65 en xavelina con 28.90 m.

Por último, e sen lugar a dúbidas, un dos rexistros máis sobresaintes sería o acadado por Pepín Rioseco quen na categoría máster 75 establecería un récord do mundo na proba dos 1.500 no mes de abril cun sensacional 5:11.27 que pulverizaría en máis de once segundos os 5:22.4 do xaponés Midorikawa, e sumando un novo rexistro internacional.

Récords Galegos batidos Aire Libre 2017-2018

Foto La Voz de Galicia

O artigo I. Resumo dunha tempada: Récords de Aire libre publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: I. Resumo dunha tempada: Récords de Aire libre

Mas noticias relacionadas