IX Saltar na Rúa – 23 de agosto de 2025. Volve o espectáculo dos saltos á Ferrería!!

Publicado por: S.G.Pontevedra

Este próximo sábado 23 de agosto, ás 19:30 horas, a Praza da Ferrería de Pontevedra será de novo o incomparable escenario dunha nova exhibición de saltos coa IX edición do Saltar na Rúa.

Para este ano, o cartel preparado para facer gozar a todo o que se achegue está cheo de campeóns nas distintas especialidades, categorías e países para que os espectadores desfruten das disciplinas de saltos do atletismo como nunca antes.

Na emblemática praza daranse cita atletas como Ana Rita Silva, atleta portuguesa especialista en triplo salto e salto de lonxitude, sendo tres veces Campioa Nacional en aire libre e unha en short track (pista cuberta). A última esta mesma tempada. Repite tamén o gimnástico Sergio Coello, especialista tamén en ambas disciplinas, sendo o cuarto mellor saltador do país en lonxitude en short track e o sétimo mellor en aire libre. Tamén fará as dúas exhibicións (lonxitude e triplo salto) o seu compañeiro Raúl Cortizo, que ademáis de ser finalista nacional en numerosas ocasións, é o actual Subcampión Galego de lonxitude en short track e o actual bronce en aire libre.

Na lonxitude teremos tamén ó actual Campión Galego, Unai Loureiro, procedente do Riazor Atletismo.

Isaac Casal, que se estreou o ano pasado na exhibición, é o exemplo do traballo que se realiza nas Escolas do Club. Foi aí onde comezou a súa carreira como atleta e regresa este ano ó Saltar na Rúa como flamante Campión Galego sub18 de triplo salto en aire libre e como subcampión en short track. Ademais, Isaac é habitual nas convocatorias da Selección Galega e ademáis foi un dos atletas que formou parte do equipo que se proclamou Campión Galego por clubs da súa categoría.

Isaac estará compartindo exhibición coa actual Subcampioa Galega de triple salto en aire libre, Alba Martínez, do Ourense Atletismo. Alba compartiu podio cunha Gimnástica, que lle arrebatou o título. Marina Artemia Pérez, fará a exhibición do triplo salto como vixente Campioa Galega, facendo tamén a de pértega, donde ostenta o título de Subcampioa Galega.

Quen se achegue a desfrutar a xornada terá tamén o luxo de ver en acción ó actual Campión Galego Absoluto de salto con pértega, Aitor Fernández, procedente do Superamara BAT. Con él estará tamén Henar Fernández, que foi cuarta nacional de salto con pértega en categoría sub23 e, ademáis, é Campioa de Asturias sub23 en lonxitude. Henar realizará a exhibición de ambas disciplinas durante a tarde.

Dende o país luso non so estará con nós Ana Rita Silva. Tamén recibiremos, na pértega, a Diogo Meneses, cuarto nacional absoluto. Con él estarán os actuais Campións Nacionais sub20 en short track, Filipa Dinís e Luca Cruz. Sendo Luca, ademais, o actual Campión Nacional tamén en aire libre e Filipa a actual Subcampioa.

Sen dúbida vai ser, como cada ano, un auténtico espectáculo que achegará as tres disciplinas de salto do atletismo como nunca antes. Campións e Subcampións reunidos para facer gozar a todo o que pase polo Saltar na Rúa. Agardámosvos!


Enlace con la noticia original: IX Saltar na Rúa – 23 de agosto de 2025. Volve o espectáculo dos saltos á Ferrería!!

Mas noticias relacionadas