Publicado por: F.G. Atletismo
Un total de 21 atletas galegos e galegas tomarán parte esta fin de semana no Campionato de España de Marcha de promoción e máster que xuntará no Barco de Valdeorras a un total de 180 atletas achegados de todas as federacións autonómicas do Estado.
Como sempre, o atletismo galego acude a esta cita con moitas posibilidades xa que sobre o circuito barquense, estarán boa parte das máis importantes e prometedoras marchadoras galegas e galegos da actualidade.
Moitas opcións de medallas.
O campionato que dará comezo ás 11:00 do domingo, abrirá ca categoría Sub16 na que teremos participando ao marchador local do ADAS CUPA e campión de España de 5K Mateo Valcarcel, que acredita a segunda mellor marca dos participantes. Na mesma categoría tanto o naronés Antón Díaz como a lucense da Escola Atlética Alba Vázquez estarán na loita por ocupar os postos destacados da proba.
Icía Ares parte como unha das favoritas ao título de España sobre a diatancia dos 5 Km Sub18. A marchadora do Ourense Atletismo, intentará rematar un 2025 extraordinario no que lograba o título de campioa de España e a súa estrea como internacional. Estaremos tamén moi pendentes a actuación da subcampioa de España Natalia González do Celta que estará na pelexa polos postos importantes da proba.
Outra das bazas importantes do atletismo galego nestes campionatos será a da internacional do Ourense Atletismo Aldara Meilán. A lucense, que lidera o ranking de España Sub20, intentara revalidar o título de campioa logrado o ano pasado en Castro Urdiales. Pola súa banda, Natalia Rivas do RIA Ferrol, será outra das marchadoras galegas que aspiren a posicións destacadas.
Campionato Máster
De igual modo ás categorías de promoción, tamén estarán tomando parte neste Campionato de España os atletas da categoría máster.
Entre os galegos contaremos ca presenza do multiple campión e plusmarquista mundial Juan Manuel Morales do Marineda At. quen parte como favorito na categoría M45. Sobre esta mesma categoría o tamén galego local Jose Fernández Nieves do Celta, será outro dos que conten para estar no podio xunto ao marchador coruñés.
Manuel Polo do Narón na categoría M50; Patricia Simón do At. Cuntis na F45 así como Soledad Pousa e Herminia Grande na F50 do Ourense Atletismo, serán tamén serias candidatos ás medallas deste campionato.
O artigo Moitas opcións para a marcha galega no Campionato de España publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Moitas opcións para a marcha galega no Campionato de España
