O Estadio Luis Nogueira encheuse de futuro

Publicado por: F.G. Atletismo

O Estadio de Atletismo Luis Nogueira de O Barco de Valdeorras converteuse este sábado no escenario dunha gran festa do atletismo galego coa celebración do XIII Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub10 e Sub12.

O ADAS CUPA, na categoría Sub10, e a Sociedade Gimnástica de Pontevedra, na Sub12, proclamáronse campións nunha xornada marcada polo gran ambiente vivido na instalación e polo protagonismo dos máis novos.

Máis alá dos resultados, o campionato foi un magnífico escaparate dos valores que fan do deporte unha ferramenta fundamental na formación das novas xeracións. O esforzo, o compromiso, o respecto polos rivais, o compañeirismo e, sobre todo, a deportividade estiveron presentes ao longo dunha competición na que as aprendizaxes foron as grandes protagonistas.

Os clubs participantes ofreceron unha gran mostra de competitividade e ilusión, nun ambiente no que atletas, adestradores e familias compartiron unha intensa xornada deportiva. Unha auténtica celebración do atletismo de base na que competir significou tamén aprender, convivir e medrar a través do deporte.

A Gimnástica de Pontevedra domina a categoría Sub12

A Sociedade Gimnástica de Pontevedra proclamouse campioa galega por clubs Sub12 tanto na categoría feminina como na masculina, demostrando a fortaleza dos seus equipos.

Na competición feminina, a Gimnástica ocupou o primeiro posto, seguida do ADAS CUPA, que acadou unha meritoria segunda posición, e do Sanysec-Club Ourense Atletismo, terceiro clasificado. Completaron a clasificación o Atletismo Femenino Celta, Atletismo Piringalla, Atlética Lucense, CA Millaraio, Ferrol Atletismo, Lucus Caixa Rural Galega e Club Alancar Atletismo.

Na categoría masculina, a Gimnástica volveu subir ao máis alto do podio, acompañada polo Club Atletismo Narón, segundo clasificado, e o Sanysec-Club Ourense Atletismo, terceiro. O ADAS CUPA finalizou na cuarta posición, mentres que Atletismo Piringalla e Club Alancar Atletismo ocuparon o quinto e sexto posto, respectivamente.

O ADAS CUPA, campión galego Sub10

O ADAS CUPA foi un dos grandes protagonistas da xornada ao conquistar os títulos galegos Sub10 nas categorías feminina e masculina.

Na competición feminina, o club anfitrión impúxose por diante do Club Alancar Atletismo, segundo clasificado, e do Atletismo Piringalla, terceiro. O Club Atletismo Narón ocupou a cuarta posición.

Na categoría masculina, o ADAS CUPA tamén alcanzou o primeiro posto, cunha clasificación na que o Sanysec-Club Ourense Atletismo ocupou a segunda posición.

Unha festa para o futuro do atletismo galego

O campionato deixou en O Barco de Valdeorras moito máis ca unha clasificación deportiva. A xornada puxo de manifesto a importancia deste tipo de probas nas categorías base do noso deporte como grandes elementos de estímulo, motivación e aprendizaxes

Resultados

 

O artigo O Estadio Luis Nogueira encheuse de futuro publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: O Estadio Luis Nogueira encheuse de futuro

Mas noticias relacionadas