Pontevedra vólveo facer – 7000 dorsais na San Silvestre 2025

Publicado por: S.G.Pontevedra

Era moi, moi difícil, pero tiñades ganas de festa, de deporte, de desfrutar cos vosos… E fixéstedelo realidade.

7000 dorsais repartidos nesta LXII edición da San Silvestre de Pontevedra. 7000 persoas que fixeron posible igualar o récord que conseguíramos alá polo 2019 e que, ademais, nos sitúan como a San Silvestre de referencia en Galicia.

Antes de comezar o evento quecíchedes cunha masterclass de zumba e antes do pistoletazo de saída os irmáns Chamosa foron os protagonistas da pequena homenaxe que quixemos facerlles dende o club nun ano de enormes éxitos para eles e que non podíamos deixar pasar neste último evento deportivo do 2025.

Competiron familias, grupos de amigos, compañeiros de traballo, de aficións, todos co sorriso característico entrando en meta. Os clubs, un ano máis, fixéstedes do deporte a mellor forma de rematar este 2025. O Galaico coas súas divisións de sincro e natación, Pontevedra Rugby Club, Mareantes, EPCP, Os corredores do inferno ou o Ciclismo Farto, entre moitos outros, quixéchedes compartir con nós a gran festa do que temos en común: o deporte.

Tamén moitos vos animástedes a disfrazarvos. Tivemos señoras con carriño da compra, elfos, lobos, dinosaurios, marcianos, ó Grinch e ata cocodrilos saídos do mesmo Lérez! O xurado tívoo moi difícil este ano, e rematou premiando como disfraz individual ás “bolas de Nadal” e como grupal, “o tren do Nadal”, que recolleron cadanseu lacón cortesía de Froiz e a rosca que nos proporciona para eles A Devesa.

Na parte deportiva, os podios desta edición de récord foron, no caso do masculino, para o atleta de moda, David de la Fuente, seguido de Javier Puig e terceiro, Gustavo Santiago. No caso do podio feminino, repite victoria a gimnástica Sabela Martínez, sendo segunda Candela Castro que, como anécdota, fora a gañadora do 2019, onde tamén se repartiran os 7000 dorsais. Foi terceira outra gimnástica, Paula de la Torre, que tamén repite como una das tres máis rápidas da proba. Cada unha delas levou un xamón, cortesía de Froiz e unha rosca, cortesía de A Devesa e Sabela, igual que David, levou o trofeo que a acredita como gañadora dunha edición de récord.

Dende o club non nos queda máis que dar as gracias ó Concello de Pontevedra e a Deportes Pontevedra por organizar a proba e ós nosos colaboradores, Ford Galmotor, que nos proporcionou os vehículos cos que trasladamos todo o material da proba, a Miler, por cedernos a súa tenda para a primeira tanda de inscricións, a Froiz polos agasallos para os gañadores e os chocolates e augas que recibístedes tras cruzar a meta e a A Devesa polos doces que vos agardaban ó final do avituallamento para rematar a carreira co mellor sabor de boca.

Pontevedra é a cidade do deporte, e hoxe desmostrástedelo unha vez máis. Non temos palabras para a acollida da San Silvestre 2025. GRAZAS queda pequeno.

Vémonos no 2026. Moi feliz ano!!


Enlace con la noticia original: Pontevedra vólveo facer – 7000 dorsais na San Silvestre 2025

Mas noticias relacionadas