Publicado por: F.G. Atletismo
O Complexo Lúdico-Deportivo de Monterrei, situado no Concello de Pereiro de Aguiar, será o escenario os vindeiros días 9 e 10 de maio do Campionato de España de Atletismo Sub-16 e Inclusivo por Seleccións Autonómicas, unha das citas máis relevantes do calendario estatal en idade escolar.
A presentación oficial do evento tivo lugar na xornada de onte e contou coa participación do presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Ourense, Beatriz Fernández; e o vicepresidente da FGA, Eladio Gómez.
Durante as intervencións, os representantes institucionais coincidiron en destacar a relevancia deste campionato, considerado un dos máis importantes entre os que se celebran por seleccións autonómicas no conxunto do Estado. Subliñouse especialmente o alto nivel competitivo dos participantes, así como o carácter dinámico dunha competición cualificada como “moi atractiva e tremendamente emocionante”.
Así mesmo, puxéronse en valor os beneficios asociados á organización deste tipo de eventos deportivos, capaces de mobilizar arredor dun milleiro de persoas entre atletas, técnicos e acompañantes. Este impacto tradúcese nun impulso significativo para o tecido económico local, ao tempo que contribúe a situar no mapa as instalacións deportivas de Pereiro de Aguiar, recoñecidas como unhas das máis modernas e axeitadas para acoller competicións de alto nivel e nos que Xunta de Galicia invertiu recentemente algo máis de 400.000 €.
Segundo se avanzou, está prevista a participación de dezanove equipos en representación das distintas comunidades e cidades autónomas. Cada delegación estará integrada por un mínimo de 50 persoas, entre deportistas e persoal técnico, sen contar familiares e acompañantes, o que converte este campionato nun dos máis numerosos do panorama estatal.
Un campionato inclusivo como aposta pola integración
De xeito paralelo ao Campionato de España Sub-16 en idade escolar por federacións, celebrarase tamén o Campionato de España de Atletismo Inclusivo por Seleccións Autonómicas. Esta competición ten como principal obxectivo fomentar a inclusión real no ámbito deportivo, promovendo a participación conxunta e en igualdade de condicións.
O programa do campionato inclusivo estará composto por probas mixtas de 100 metros, 1.000 metros, salto de lonxitude, lanzamento de peso e remudas 4×100 mixtos, configurando un formato que aposta pola diversidade e a integración a través do deporte.
O campionato dará comezo o sábado 9 de maio en sesión de mañá e tarde, e concluirá na mañá do domingo 10, coa finalización das probas prevista arredor das 13:30 horas.
O artigo Presentouse o Campionato de España Sub16 por comunidades e inclusivo de Pereiro de Aguiar publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Presentouse o Campionato de España Sub16 por comunidades e inclusivo de Pereiro de Aguiar
