Presenza galega no mundial de 100 km. de Ames

Publicado por: F.G. Atletismo

O atletismo galego contará con dous representantes no Campionato do Mundo Máster de 100 Km., que se celebrará este domingo, 20 de setembro, en Ames. Jorge González, como atleta independente, competirá na categoría M55, mentres que Jesús Sáinz, pertencente ao Atletismo Sar, participará na categoría M35.

Os dous atletas terán por diante o reto de completar os 100 km. nunha das principais citas internacionais do ultrafondo, nunha competición organizada pola International Association of Ultrarunners (IAU) baixo o patrocinio de World Athletics e que, nesta edición, se celebra en Ames.

O programa da xornada comezará ás 08:00 horas, momento no que está previsto o encontro dos corredores e o control dos chips na zona de saída e chegada. Media hora despois, ás 08:30 horas, darase a saída conxunta do Campionato do Mundo IAU e WMA de 100 Km. Os participantes disporán dun máximo de 11 horas e 30 minutos para completar a distancia, polo que a competición terá como hora límite as 20:00 horas.

Un circuíto de 100 Km.

A proba desenvolverase sobre un circuíto completamente asfaltado en Ames. Os corredores deberán completar unha primeira volta de aproximadamente 4,8 Km. seguida de 19 voltas de 5 km. ademais de dous tramos de transición de 100 metros, ata alcanzar os 100 quilómetros regulamentarios. A saída estará situada diante da Casa do Concello de Ames.

O percorrido presenta un desnivel reducido, con cotas que van aproximadamente dos 30 aos 38 metros, e contará cun posto de avituallamento completo situado arredor do km. 0,7. A organización tamén terá habilitados servizos médicos e de fisioterapia na zona de saída e meta.

A participación de Jorge González e Jesús Sáinz permitirá así contar con presenza galega nunha competición que reunirá corredores das distintas categorías máster.

Un domingo de atletismo internacional en Ames

A xornada deportiva rematará coa cerimonia de clausura e entrega de premios ás 20:30 horas, no parque do Ameneiral de Bertamiráns. Na competición máster entregaranse medallas aos tres primeiros homes e ás tres primeiras mulleres de cada categoría. En caso de condicións meteorolóxicas adversas, a cerimonia trasladarase ao pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Antes da carreira, o sábado 19, Ames acollerá tamén a cerimonia inaugural do campionato. O desfile de bandeiras comezará ás 16:30 horas desde a praza do Concello e rematará no parque do Ameneiral, onde ás 17:00 horas terá lugar o acto oficial de apertura.

Deste xeito, durante toda a fin de semana Ames converterase no escenario dunha das grandes competicións internacionais de ultrafondo, con especial atención para os dous corredores galegos que defenderán a presenza da comunidade no Mundial Máster

Máis información

O artigo Presenza galega no mundial de 100 km. de Ames publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Presenza galega no mundial de 100 km. de Ames

Mas noticias relacionadas