Redondela presenta o seu campionato galego

Publicado por: F.G. Atletismo

No día de hoxe presentouse no Concello de Redondela  o XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla en Ruta e 1 Km, que terá lugar no municipio o vindeiro 12 de abril.

A presentación oficial celebrouse hoxe no Concello, coa presenza de representantes municipais, da Federación Galega de Atletismo, da Xunta de Galicia e da Asociación Deportiva C.A.R. de Redondela.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o orgullo que supón para o municipio acoller esta competición, declarando que “Redondela será a capital galega do atletismo e esta proba non vai defraudar”. Rivas subliñou a importancia de levar o deporte ás rúas, anticipando que “a veciñanza sairá á rúa para esta festa do deporte, cunha gran participación de atletas do CAR“. Pola súa banda, o presidente da FGA Iván Sanmartín salientaba a importancia da celebración deste campionato “que se desenvolve en estreita e productiva colaboración co Concello de Redondela, CAR de Redondela e entidades colaboradoras”.

Un espectáculo deportivo no corazón da vila

O Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1 Km en Ruta é unha das probas máis relevantes do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. A diferenza das competicións en pista, este formato en ruta transcorre por espazos urbanos pechados ao tráfico e permite un contacto directo coa cidadanía, aumentando o atractivo e a interacción co público. O ten o seu centro neurálxico na Casa Consistorial, onde se atopa a saída e a meta. O percorrido realizarase entre as rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Os atletas da distancia de Milla darán 3 voltas, mentres que os de 1 km darán 2 voltas ao circuíto, garantindo un espectáculo rápido e intenso.

Á presentación asistiron, ademais da alcaldesa e o concelleiro de Deportes,o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín, e David Posada, delegado en Vigo da Federación, Blanca García-Señoráns, Directora Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e Ana María Romasanta, presidenta da Asociacón Deportiva C.A.R. de Redondela. Coa organización deste campionato, Redondela reafirma a súa aposta pola promoción da vida saudable e o deporte, converténdose no epicentro do atletismo galego durante esta xornada.

Máis info

O artigo Redondela presenta o seu campionato galego publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Redondela presenta o seu campionato galego

Mas noticias relacionadas