RESULTADOS da FASE PREPARATORIA CAMPO A TRAVÉS – XOGADE (2 decembro, Lugo)

Publicado por: Lucus Atletismo

Xa dispoñibles os RESULTADOS da mañá de onte, na que gran parte dos e das atletas do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA participaban na FASE PREPARATORIA DE CAMPO A TRAVÉS, nun primeiro encontro cos demais equipos que tomarán parte na vindeira xornada clasificatoria de xaneiro.

A competición comezaba ás 11:00 horas coa categoría SUB10 feminina e masculina, na que os/as participantes conseguirían rematar os 500 metros da súa carreira en boas condicións. Deseguido, era a quenda da SUB12, na que o LUCUS obtiña a medalla de prata nos 800m da proba feminina e quedaba moi preto nos 1.000 metros que percorrían os rapaces. Xa na categoría SUB14, tanto as atletas femininas coma os masculinos loitaban por superar os 1.000 e 1.200m que tiñan de carreira, respectivamente, que remataría cunha medalla de bronce para as rapazas e o cuarto posto para os rapaces, rozando os tres primeiros chegados a meta.

En canto á categoría SUB16, que protagonizaba as dúas últimas carreiras da mañá, os/as atletas do Club amosarían moi boas sensacións, rematando co primeiro posto de Ana Ben na carreira feminina, á que seguían Mercedes Vila, Mariña Peixoto e Carla Díaz, entre as dez primeiras, sen esquecer a Eva Díaz, Sara Álvarez, Daniela Rebolo e Amina Carracedo, a maioría delas no seu primeiro ano co grupo desta idade, que percorría 1.200 metros. Os cadetes masculinos, pola súa parte, loitaban por rematar os 2.500 metros da súa proba entre os primeiros postos; obxectivo que tanto Óscar López como Rubén Darriba conseguían cumprir, quedando na cuarta e quinta posición, resp.

Se queredes coñecer os resultados completos de todas as carreiras, premede na imaxe posterior para acceder directamente a eles.

GRAZAS A TODAS E TODOS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!

Enlace con la noticia original: RESULTADOS da FASE PREPARATORIA CAMPO A TRAVÉS – XOGADE (2 decembro, Lugo)

Mas noticias relacionadas