Publicado por: F.G. Atletismo
Sete equipos galegos participaron esta fin de semana na primeira xornada do Campionato de Liga de División de Honra e Primeira División, celebrada en distintos puntos de España.
División de Honra
Na División de Honra feminina, o Ría Ferrol, no seu regreso á máxima categoría do atletismo español, non puido evitar o cuarto posto no seu encontro, no que foi superado polo Universidade de León, Atletismo San Sebastián e Alcampo Scorpio. O conxunto departamental sumou catro primeiros postos, cinco segundos e tres terceiros, destacando as actuacións de Iria Filgueira en martelo, Diaou Diallo en lonxitude, Xiana Lago en peso, Inés Oitaven nos 400 metros e Pilar Rojo nos 3.000 obstáculos.
Pola súa banda, o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra logrou evitar a última posición no seu desprazamento a Salamanca, acadando un meritorio terceiro posto con 176 puntos. O conxunto pontevedrés superou ao Atlético Salamanca e rematou por detrás de Unicaja Jaén e Atletismo Albacete. Entre as actuacións máis destacadas cómpre sinalar a vitoria de Pedro Osorio na súa serie dos 800 metros (1:49.68), o triunfo de Sergio Coello en lonxitude (7,36 m) e o de Dani Chamosa nos 5 km marcha (16:59.46). Tamén acadaron postos de honra Carlos Revuelta en martelo e Jonathan Correa en xavelina.
Primeira División
Na Primeira División masculina, Celta Atletismo e Atletismo Narón desprazáronse a Oviedo para enfrontarse á Universidade de Oviedo e ao Atletismo Alarcón. O encontro foi dominado polos locais, que sumaron 219 puntos, seguidos do conxunto madrileño con 168,5. Atletismo Narón, con 156,5 puntos, e Celta Atletismo, con 144, repartíronse as seguintes posicións.
No equipo naronés destacaron as vitorias parciais de Anxo Lado nos 800 metros, Paulo Jorge Queirós nos 200 metros (ademais de ser segundo nos 100), Iago Pazos en xavelina e Anxo Bello nos 3.000 metros. Pola súa parte, no Celta Atletismo salientaron os dobres triunfos de Miguel Ángel Granado en peso e disco, así como o de Jaime Reverter nos 110 valos.
Por último, Pereiro de Aguiar acolleu un encontro de máxima expectación na Primeira División feminina, coa presenza de tres equipos galegos: Sanysec-Ourense, Celta Atletismo e Gimnástica de Pontevedra, xunto ao conxunto vasco do Atletismo Barrutia.
O debut das ourensás non puido ser máis brillante, xa que se impuxeron con claridade ao sumar 208 puntos, por diante da Gimnástica (186), Celta Atletismo (165) e Barrutia (122). No equipo gañador destacaron as vitorias de Sabela Castelo nos 3.000 metros, Andrea Reija nos 100 valos, Manuela Blanco en pértega, Alba Martínez en triplo, Yiset Magali Jiménez en xavelina e Icía Ares en marcha.
Na Gimnástica de Pontevedra lograron a máxima puntuación Sabela Martínez nos 1.500 metros, Lía Caride nos 400 valos, Sara Faraldo en altura e Gema Dacosta en peso. Polo Celta Atletismo destacaron Marta Caamaño nos 400 metros e Valeria Rodríguez en martelo.
A próxima cita terá lugar o vindeiro 17 de maio, coa disputa da segunda xornada, que determinará que equipos loitarán polo título e o ascenso, e cales competirán pola permanencia.
O artigo Resutados dispares na primeira xornada de Liga publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Resutados dispares na primeira xornada de Liga
