Esta fin de semana celebrarase no Pavillón Municipal do Rosal a fase final da Copa Galicia masculina 2018, na que participarán Frigoríficos do Morrazo, Teucro, Embutidos Lalinense e Acanor Novas.
Co cartel final, presentábase hoxe 27 de agosto o evento no salón de plenos do Concello do Rosal, coa participación do presidente da Federación Galega de Balonmán, Xose Luís Pérez Ouro; así como a alcaldesa Carmen Alonso e o presidente do Novás, Andrés Senra. As tres partes mostráronse moi ilusionadas co Torneo, que ademais de visualizar aos mellores equipos galegos, terán actividades para os máis pequenos.
O pase á fase final gañáronno con suor e con moito esforzo. Frigoríficos do Morrazo, que caía ao descanso ante un equipo de Primeira Nacional, Embutidos Lalinense, que vén de superar a todo un Cisne de DHP, Teucro, que foi o que superou con maior facilidade a súa eliminatoria ante o Rodosa Chapela, e Acanor Novás, anfitrión, que superou con maiores dificultades das que reflectía o marcador final ao Calvo Xiria en Carballo, son os catro finalistas da Copa Galicia que se celebrará esta fin de semana no Rosal.
O cadro ábreno o equipo do Lerez e o Balonmán Lalín (sábado, 18 h), cos de Luís Montes como favoritos, ao estar dúas categorías por encima dos da comarca de Ou Deza, pero a estas alturas e co inicio da ASOBAL a escasos días, é probable que se trate dun encontro disputado. Do mesmo xeito que a segunda semifinal, na que se volverá a disputar un dos partidos máis habituais da tempada estival: Frigorificos do Morrazo ( ASOBAL) e Acanor Novás ( DHP), co equipo dos rosaleiros Dani Cerqueira e Javi Díaz, como claros favoritos,aínda que os locais xogan ante o seu público e queren seguir coa gran imaxe dada na pretemporada.
O domingo disputarase o partido polo terceiro posto ás 11:00 horas e a final comezará ás 13:00 horas, nun choque que será retransmitido pola TVG-2. Entrada de balde.