Éxito da selección galega no Campionato de España de ciclismo adaptado

Publicado por: F.G. Ciclismo

A selección de Galicia tivo unha actuación destacada no Campionato de España de ciclismo adaptado que se celebrou o pasado fin de semana na localidade burgalesa de Villadiego. En total foron catro medallas de prata e varios top ten a colleita obtida polos representantes galegos que competiron sobre uns circuítos espectaculares dignos dunha Copa do Mundo e contaron cunha participación histórica.

As probas arrincaron na xornada do venres coa disputa da proba de remudas por equipos na modalidade de handbike na que Galicia obtivo a cuarta praza co conxunto formado por Iván Montero, Mila López e Angel Plácido. O combinado catalán non deu opción aos seus rivais e obtivo o seu cuarto título nacional consecutivo por diante da Selección Madrileña e do conxunto Handbike NoLimits.

As preseas para o equipo galego chegaron na proba contrareloxio celebrada na xornada do sábado sobre uns espectaculares circuítos nos que os participantes puideron exhibir todo o seu potencial. Os primeiros galegos en entrar en liza foron Angel Plácido e Alex Ferradas que acabaron nunhas meritorias sexta e oitava posición respectivamente da categoría H2. A primeira medalla alcanzouna Iván Montero na categoría MH5. Montero quedou a 1:40 do ouro que foi para o valenciano Tamarit e por diante de José Rojas.

Aberta a senda dos podios chegou a participación feminina na que Mila López lograba outra prata. Maior mérito o da baionesa xa que a categoría H4 foi a máis numerosa e igualada das disputadas. López superou o percorrido nun tempo de 55.28,  tras a madrileña Eva Moral (48;40) e en dura competencia coa representante vasca Ione Basterra (55:55). A participación dos galegos nas probas de crono pechouna Alberto Abalde cun 9º posto na categoría C2.

O Campionato de España de ciclismo adaptado puxo fin ao seu programa de competición coa carreira en liña que se disputou nunha distancia de 23 quilómetros dun perfil esixente. A proba dividiuse en dúas mangas, coas handbikes e triciclos na primeira e as bicicletas e tándem na segunda. Novamente foi destacada a participación galega que sumaría un novo subcampeonato de Iván Montero. O de Arteixo protagonizou un apurado sprint co valenciano Tamarit, vencedor no final máis emocionante do día. Pola súa banda, Mila López tamén repetiu subcampeonato coa mesma posición e rivais que na contrareloj mentres Anxo López e Alex Ferradas asinaron respectivamente un quinto e un oitavo posto en H2.


Enlace con la noticia original: Éxito da selección galega no Campionato de España de ciclismo adaptado

Mas noticias relacionadas