Feijoo remontou ata a 26ª posición no Mundial de Valkenburg

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

A histórica participación dos corredores galegos no Mundial de Ciclocross de Valkenburg rematou coa actuación de Iván Feijoo na carreira sub23. O alaricano do Academia Postal – Actyon – MMR cruzou a liña de meta na 26ª posición despois de asinar unha notable remonta no enlamado circuíto neerlandés. 

"Na saída pillei unha 'montonera' e iso deixoume moi atrás. A parti de aí, fun pouco a pouco remontando e na última volta debín adiantar a seis ou sete corredores. As sensación foron moi boas", sinalou Feijoo, que esta campaña se estreou na categoría sub-23. 

O belga Eli Iserbyt venceu con 28 segundos de vantaxe sobre o holandés Joris Nieuwenhuis, mentres que o francés Yan Gras completou o podio. O catalán Jofre Cullell foi o mellor español, na 14ª posición a 3:46 do vencedor, Feijoo terminou a 5:48 e o asturiano Mario Junquera, 49º a 9:07. 

O ourensán apuntou que "o circuíto estaba durísimo e había que patear en moitas zonas. A partir da metade da carreira empezou a nevar, baixou a temperatura, e foi unha carreira épica, sobre todo, para o público". A 26ª praza de Feijoo engadiuse á 34ª da sub23 Irene Trabazo e á 28ª de Adrián Barros e á 63ª de Carlos Canal na competición júnior. Nunca antes Galicia contara con catro representantes nun Mundial de Ciclocross. 

 

 


Enlace con la noticia original: Feijoo remontou ata a 26ª posición no Mundial de Valkenburg

Mas noticias relacionadas