O Extol-La Gramola Team acumula tres liderados no Open de España de BTT Ultramaratón

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tres bikers da formación dezana Extol-La Gramola Team regresaron da Jamón Bike by Aresano vestidos cos maillots 'rojigualdas' do Open de España de Ultramaratón (XCMU). A elite Lara Lois e o máster-30 Javier Busto defenderon con éxito os seus líderados, mentres que Manuel Golmar asaltou a primeira praza da xeral máster-40 nesta segunda proba puntuable do certame estatal. 

Nos 140 quilómetros de percorrido, con 2.600 metros de desnivel acumulado, Lois e Busto souberon superar situacións adversas para manterse no máis alto dos seus rankings. A grovense sufriu problemas físicos que non lle impediron rematar segunda e ampliar a súa vantaxe como líder elite. Cruzou a liña de meta cun tempo de 7 horas 22 minutos e 22 segundos, a pouco máis de media hora da gañadora Ramona Gabriel (Team Blue Motors). A galega tamén ocupa a primeira praza na clasificación absoluta feminina.

Pola súa banda, Busto quedou sen opcións de loitar pola vitoria despois de que lle rebentara a súa roda traseira no quilómetro 90 cando rodaba no grupo de cabeza. Cun rexistro final de 06:08:07, O lalinese rematou décimo na táboa absoluta e terceiro máster-30 a once minutos de Iván Romero (Ejarom), gañador na súa categoría, e de Daniel Milián (Ardiyas), segundo. O xefe de filas do Extol – La Gramola Team ten 80 puntos de renda sobre Carlos Pizarro (Recambios Antolín) no ranking do seu grupo de idade e no absoluto correspóndelle a terceira praza a 137 puntos do elite Daniel Carreño (GR-100 MTB), vencedor nas dúas citas disputadas. 

O trío de líderes galegos complétao Manuel Golmar nos masters-40. O seu noveno posto na Jamón Bike serviulle para situarse primeiro na súa categoría con 236 puntos. Óscar Puyuelo (Oscense) é segundo con 200. 

A próxima xornada deste Open será a Titan Villuercas, penúltima proba puntuable, o 20 de maio na provincia de Cáceres. O certame estatal de XCMU concluirá o 16 de setembro coa Lalín Bike Race. 

Máis información e clasificacións

 

 


Enlace con la noticia original: O Extol-La Gramola Team acumula tres liderados no Open de España de BTT Ultramaratón

Mas noticias relacionadas