Campionato Europeo Masculino de Hóckey sobre Patíns en A Coruña

A Coruña será a sede, por primeira vez, do Campionato de Europa Masculino de Hóckey sobre Patíns. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a competición, que se celebrará no Pazo dos Deportes de Riazor entre o 14 e o 22 de xullo, e que supón «unha ocasión absolutamente fascinante para revitalizar o público deste deporte na cidade». «O hóckey conta cunha importante presenza na Coruña, con distintos clubs de base así como as diferentes categorías, por exemplo, do Liceo. Pero este 2018 o deporte de patíns terá especial protagonismo, primeiro con este Eurohockey e, posteriormente, co campionato mundial de Roller Derby», avanzou o concelleiro. «A competición que hoxe presentamos é unha oportunidade, un estímulo para devolver ao deporte do patín, e en concreto ao hóckey, ao primeiro plano», sinalou o edil, quen fixo tamén referencia á vertente turística do evento, «xa que reforzará unha época previa ás Festas de María coa chegada de afeccionadas e afeccionados á nosa cidade».

Tal e como explicou José Manuel Sande, no Eurohockey 2018 participarán once seleccións internacionais, como son as de Portugal, Suíza, Francia, Austria e Andorra –que conformarán o grupo A– e as de Italia, España, Alemania, Inglaterra, Bélxica e Holanda –o grupo B–. Realizarase unha fase previa, do 14 ao 19 de xullo, na que se disputará unha liga da que sairán clasificados os primeiros catro equipos de cada grupo, de cara a competir nos cuartos de final –que se celebrarán o 20 de xullo–. Neste punto, cruzaranse as seleccións de ambos grupos, encontros dos que sairán as semifinalistas, que se enfrontarán o 21 de xullo. Finalmente, o domingo 22 disputaranse o terceiro e cuarto posto ás 17.00 horas, e a final contra ás 19.30 horas.

As entradas para asistir ao Eurohockey 2018 xa se poden adquirir a través tanto da plataforma www.ataquilla.com como do web da RFEP, www.fep.es, e dividiranse en dous tramos: sénior –maiores de 12 anos– e júnior –menores de 12 anos–  O prezo dos abonos na fase inicial, que inclúe todos os partidos, será de 60 euros, agás no caso das e dos menores de 12 anos, que poderán obtelo por 30 euros. As entradas por día serán de 10 euros e 5 euros para sénior e júnior, respectivamente. De cara a fase final, as entradas variarán o seu prezo en función do partido, e serán válidas para todo o día. Así, para cuartos de final, serán de 10 e 5 euros –sénior e júnior, respectivamente–; para a xornada de semifinais, de 25 e 12 euros; e para o día da final, 30 e 15 euros.

A presentación contou coa presenza do presidente do Comité Europeo de Hóckey sobre Patíns (CERS-Rink Hockey), Fernando Graça, do presidente da Real Federación Española de Patinaje (RFEP), Carmelo Paniagua, ademais do presidente da Federación Galega de Patinaxe e representante do comité organizador do Eurohockey 2018, Vicente Torres. Para máis información sobre o Campionato de Europa, pódese consultar tanto o web da RFEP, www.fep.es, como o da CERS, www.cers-rinkhockey.eu

Mas noticias relacionadas

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *