Publicado por: UFEDEGA
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no día de hoxe na Conferencia Interterritorial para o Deporte convocada polo Consello Superior de Deportes (CSD) onde, en nome da Comunidade Autónoma de Galicia, solicitou a este organismo que realice as xestións oportunas para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lexisle a acreditación de competencias profesionais no ámbito das titulacións deportivas de réxime especial, ao igual que ocorre na Formación Profesional.
Segundo informou a titular do Deporte galego na súa quenda de intervención, “o deporte está recoñecido polo CSD como un sector emerxente de ocupación e nel traballan moitas persoas que aprenderon a súa profesión no seu posto de traballo e que carecen dunha titulación que acredite e poña en valor os seus coñecementos”. Deste xeito, sinalou a secretaria xeral, “a posta en marcha deste proceso permitiríanos facilitar o acceso a unha formación oficial por parte dos profesionais que exercen o seu traballo sen a devandita titulación”.
A responsable da carteira de Deporte da Xunta de Galicia apuntou que, actualmente, no Catálogo Nacional de Competencias Profesionais, dentro da Familia Profesional de Actividades Físicas e Deportivas aparecen recollidas un total de 35 cualificacións profesionais. No nivel de cualificación 1 só existe unicamente unha, no nivel de cualificación 2 existen 26 e no nivel de cualificación 3 existen 8.
Primeira xornada da Conferencia Interterritorial
A primeira xornada da Conferencia Interterritorial para o Deporte serviu para que as diferentes Comunidades Autónomas expuxeran diversos asuntos en función dos seus intereses.
Deste xeito destacaron como temas a debater a elaboración dun proxecto de Lei do Deporte, a organización de competicións deportivas estatais escolares e universitarias, e a axilización dos procedementos de subvención para Centros de Tecnificación Deportiva, por parte da Comunidade de Aragón; as competencias das Federacións de Atletismo e Montaña, a regulación do sector deportivo profesional e as melloras das axudas do CSD aos desprazamentos á península, por parte da Comunidade de Illas Baleares; a mellora das infraestruturas deportivas dos Centros de Tecnificación Deportiva coa categoría Nacional, a formación do profesorado no contexto ‘Muller e Deporte’, os dereitos de explotación de contidos audiovisuais das competicións de fútbol profesional para deportistas de alto nivel, a posibilidade de que os deportistas de alto nivel becados polas Comunidades Autónomas por resultados nacionais ou internacionais poidan ter unha excepción na declaración do IRPF e o plan de actuación na loita contra o sedentarismo e os hábitos de vida saudable, por parte da Comunidade de Extremadura; o convenio entre a Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia e a Unión de Federacións Deportivas da Rexión de Murcia para a difusión e asesoramento sobre políticas activas de emprego ás entidades do sector deportivo, por parte da Comunidade de Murcia; a situación da licenza única en cada federación española, por parte da Comunidade do País Vasco e a tramitación da licenza deportiva para futbolistas menores estranxeiros e o destino das achegas recibidas polas Comunidades Autónomas procedentes de Loterías e Apostas do Estado, por parte da Generalitat Valenciana.
Xa pola tarde, o presidente do CSD, José Ramón Lete Lasa, interviu acerca da reforma do marco regulatorio do deporte español.
Enlace con la noticia original: Galicia solicita a acreditación de competencias profesionais no ámbito das titulacións deportivas de réxime especial no ámbito da Conferencia Interterritorial para o Deporte