Publicado por: F.G. Ciclismo
O ciclista galego Carlos Canal, volveu subir ao podio dunha proba de Copa do Mundo de ciclocrós coa segunda praza lograda na localidade holandesa de Hoogerheide. En vinte días Canal sumou o triunfo no Campionato de España e dous podios en Copa do Mundo o que o presenta como un dos favoritos para o Campionato do Mundo junior en Dinamarca.
Nun circuíto mítico, casa de Van der Poel, o limiano disputou o triunfo ao esprint na mesma liña de meta tras iniciar a carreira na segunda liña. Canal demostrou atoparse nun gran momento de forma situándose pronto na cabeza e marcando un alto ritmo co que distanciarse dos seus perseguidores desde o primeiro xiro e quedando nun persoal man a man cos representantes belgas.
Ao final, a mínima diferenza de 9 segundos separou ao galego dunha vitoria que foi para Witse Meeussen.
Na proba sub 23 tomou parte Iván Feijoo. O allaricense non chegou á proba holandesa no seu mellor estado de forma e a pesar de tentar recuperarse ás alancadas, a falta de forzas relegoulle ao posto 28º da proba.
A marinense Irene Trabazo completou na fin de semana dúas probas logrando a décima praza en Rucphen e ser a segunda mellor española en Hoogerheide tras Aida Nuño.
Tanto Canal como Feijoo e Trabazo viaxarán a Dinamarca para a disputa da última gran cita da tempada, o Campionato do Mundo en Bogense.
Outro dos membros do Club Ciclista Maceda, o junior Marco Nube, desprazouse ata Ávila onde disputou a proba inaugural do Open de BTT XCO de Castela León demostrando a súa recuperación despois da intervención cirúrxica de clavícula do pasado 19 de novembro que o tivo tres meses afastado da competición. Nube logrou unha meritoria segunda praza tras pelexar na cabeza toda a proba e demostrando que a súa lesión está superada.
©Foto CC Maceda
Enlace con la noticia original: Un novo podio de Canal na Copa do Mundo o sitúa como favorito para o mundial de Bogense