A Copa Galicia Júnior ponse en marcha en Carballo e a Máster continúa en A Estrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Os certames autonómicos de estrada van collendo velocidade. Despois de arrancar o pasado sábado a Copa Galicia Elite e Sub23 coa Clásica de Pascua, este domingo chega a quenda dos juniors en Carballo e os masters teñen unha nova cita en A Estrada. Dúas probas para as que as preinscricións están abertas ata este xoves ás 22:00 horas. 

O inicio da Copa Galicia Júnior producirase na segunda xornada da I Challenge organizada polo Club Ciclista Carballo. Este evento comezará o sábado cun dobre sector. Pola mañá disputarase unha contrarreloxo individual (CRI) a partir das 11:00 horas entre Razo e Monteneme, e pola tarde unha carreira con saída e chegada a Razo desde as 16:30 horas. 

Ao día seguinte, o domingo, porase en xogo o primeiro maillot de líder do certame coordinado pola Federación Galega de Ciclismo. Ás 10:30 horas darase o bandeirazo de saída en Carballo a un percorrido de 89,6 quilómetros. Os corredores deberán completar dúas voltas a un circuíto no que o alto de Agualada (km 34 e 71) é a principal dificultade montañosa. 

Neste 2018 a Copa Galicia Júnior consta de dúas probas puntuables máis: o Gran Premio San Roque (Viveiro) e a última xornada do Trofeo Albariño (Cambados).

Cuarta xornada

O máster-30 Juan José Álvarez (Master da Louriña), o máster-40 Rubén Fernández (Norinver) e o máster-50/60 Javier de la Fuente (Norinver) chegan como líderes dos seus rankings á cuarta carreira da Copa Galicia Máster 2018. O Trofeo de Ciclismo Concello de A Estrada, fixado para as 10:30 horas do domingo, presenta un trazado de 82,3 quilómetros na súa sexta edición. Unha proba deseñada pola Asociación Galega de Ciclistas e que tamén é puntuable para a challenge que organiza esta entidade. 

 

 


Enlace con la noticia original: A Copa Galicia Júnior ponse en marcha en Carballo e a Máster continúa en A Estrada

Mas noticias relacionadas