Campionato galego absoluto. A previa masculina

Publicado por: F.G. Atletismo

250 atletas galegos masculinos están chamados esta fin de semana a tomar parte no Campinato Xunta de Galicia absoluto e Sub23 que terá por escenario a pistas viguesas de Balaídos.

Nesta interesante cita, agárdase ver importantes probas que contarán ca participación de varios plusmarquistas galegos e atletas internacionais na procura do último gran test previo a disputa  do Campionato de España absoluto que este ano viaxará a localidade alacantina de La Nucía a finais deste mes.

Por sectores a velocidade terá no plusmarquista galego e gañador indoor dos 60 m, Mauro Triana ao seu gran referente. O internacional coruñés, en gran estado de forma, tomará parte tanto nos 100 m. como nos 200 m. nos que ten acreditados este ano 10.55 e 21.52. A priori Pablo Tomé do Celta con 10.60 e Adrian Pérez do CAPEX con 10.75 nos 100 m. e Ricardo Cortizo do Celta con 21.63 no dobre hectómetro, poderían poñerlle as cousas complicadas ao de Coruña.

 Jacobo Soler centrará toda a atención na proba dos 400 m. O seu excelente estado de forma levárono a correr a distancia por debaixo dos 47 segundos que o sitúan nestes intres como un serio candidato a dar de baixa un dos récords máis lonxevos do atletismo galego, os que ten Isidoro Hornillos desde o ano 1979 nesta distancia con 46.24.

Nos 800 m. o internacional Elian Numa ven de acreditar unha marca de 1:48.41 que o fan claro favorito a reeditar o seu título nunha distancia na que tan só Hassan Izzedine da Gimnástica e Pedro Osorio do At. Santiago baixaron este ano dos 1:50.

Nos 1.500 David de la Fuente da Gimnástica parte como outro dos favoritos sobre a proba raiña do medio fondo con 3:47.05 ao igual que sobre os 3.000 obstáculos Hugo García, con todas as papeletas para reter o seu título autonómico do ano pasado.

Algo máis disputada estarán os 5.000 m. na que pouco máis de dous segundos separan aos máximos aspirantes ao título galego. Na final mediranse o campión galego absoluto Esteban Iglesia do Lucus Caixa Rural (14:19.60) e o subcampeón 2023 dos 1.500 m. Carlos Porto da Gimnástica de Pontevedra (14:21.83 ) que este ano apostará en Vigo por esta distancia.

Duelo de internacionais nos valos con presenza tanto de Gerson Vidal Izaguirre como de Hugo Vázquez do Marineda At., campión e subcampión no ano pasado. A priori o venezolano parte como favorito grazas aos 13.82 polos 14.32 do coruñés nunha loita na que non se descarta ao lucense Santi Rozas do Lucus con 14.48.

O tamén internacional de combinadas e campión galego indoor deste ano Adolfo Saínz Maza, acudirá a cidade Olívica para tomar parte tanto en altura como en pértega. O chairego, en excelente estado de forma, acude ca mellor marca en altura con 1.95 m. ainda que na pértega terá enfronte a un Aitor Fernández que comparte marca con 4.40 m.

O gañador tanto do ano pasado como en indoor 2024, Sergio Coello da Gimnástica, fará valer no foso de lonxitude os seus 7.67 m. que o sitúan ao fronte do ranking galego por diante do tamén gimnástico Raúl Cortizo con 7.23 m.  Pola súa banda o sadense Diego Míguez é o único atleta que sobrepasa a barreira dos 15.00 metros este ano e que o converten en claro aspirante ante a ausencia de Alexandre Barreiro domiñador da modalidade nas últimas edicións.

Algo máis definidas a priori estarán os lanzamentos na que Eric Méndez da Real Sociedad en martelo con 62.17 m., Jonathan Correa da Gimnástica en xavelina con 63.56 m. e Miguel Angel Granado  do Celta en peso con 16.04 m., lideran de maneira clara os seus distintos concursos. Malia elo, Carlos Revuelta, Pedro Fidaku Santos e Fernando Vallines sen dúbida estarán pelexando ata o remate polo titulo autonómico.

Novamente o capitán da Gimnástica, Victor Gallego, figura en todas as apostas para acadar o ouro de disco co cal seguir alongando o seu dilatado historial de títulos absolutos.

Por último, o múltiple campión mundial da categoría máster Juan Manuel Morales do Marineda será quen lidere a proba dos 5.000 marcha grazas aos seus 21:02.06 que o colocan como claro favorito.

O artigo Campionato galego absoluto. A previa masculina publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Campionato galego absoluto. A previa masculina

Mas noticias relacionadas