
Publicado por: F.G. Atletismo
Nova cita para o atletismo galego esta fin de semana no Campionato de España Sub18 en pista curta, que se celebrará no Centro de Tecnificación Deportiva de Antequera. Na competición tomarán parte un total de 525 atletas (269 homes e 256 mulleres), entre os que se atopan 47 representantes galegos e galegas, que terán a difícil misión de achegarse ás históricas dez medallas conseguidas o pasado ano en Valencia.
Entre as principais bazas galegas para o podio destaca Hugo Casañas, plusmarquista de España de lanzamento de disco, que nesta ocasión competirá no lanzamento de peso. Nesta disciplina posúe a segunda mellor marca española de todos os tempos e está a tan só un centímetro da barreira dos 20 metros. Na mesma proba, Aitana Capeáns (Sanysec–Ourense) partirá co obxectivo de mellorar o bronce acadado o pasado ano nunha especialidade na que, ademais, lidera a lista de inscritas cun rexistro de 14.30 metros.
Nos 60 metros lisos, Aarón Pérez (ADAS CUPA) buscará a súa oportunidade tras quedar o ano pasado sen opcións por unha descualificación na saída. O actual campión galego absoluto preséntase nesta ocasión coa terceira mellor marca dos participantes nunha proba que se prevé moi igualada.
Nos 800 metros, o medallista de bronce Sub16 da pasada tempada, Hugo Zuluaga (At. Sada), chega cun tempo de 1:54.75, quinta mellor marca entre os inscritos. Na categoría feminina, Lucía Dopico (Coruña Comarca), con 2:16.06, sitúase tamén como unha seria aspirante á loita polos metais.
Haberá igualmente unha importante presenza galega nas probas de medio fondo e fondo. O campión de España Sub16 Xoel Franco (Celta) tomará a saída nos 1500 metros coa segunda mellor marca do pelotón. Na mesma proba haberá que estar moi atentos tamén a Pablo Vázquez (At. Narón) e a Mario Lorenzo (Sanysec–Ourense), que deberán baixar da barreira dos catro minutos se queren situarse nos postos de cabeza.
Especial interese espertarán tamén os 3000 metros. Na categoría feminina, Sabela Castelo (Sanysec–Ourense) reaparece tras unha lesión e faino coa mellor marca das participantes. Xunto a ela, Paula Fernández (Gimnástica) sitúase inmediatamente por detrás nos rexistros. Na proba masculina tamén haberá importantes opcións galegas con Enrique García Boente (Lucus Caixa Rural) e Alejandro Santos (Gimnástica), ambos con claras aspiracións de podio.
Outro dos focos de atención estará nos 60 metros valos, onde o pontevedrés Guillermo Piñeiro chega tras unha gran tempada. O atleta da Gimnástica presenta a segunda mellor marca dos inscritos e aspira tanto ao podio como a mellorar o seu propio récord galego, actualmente fixado en 7.86.
No salto de altura haberá tamén representación galega con opcións. Adriana Castiñeira (Coruña Comarca), finalista o pasado ano e cunha mellor marca de 1.65 metros, e Sergio Gil (Celta Atletismo), que acredita 1.98 metros, estarán na loita directa polas medallas.
Outro dos nomes destacados será o do coruñés Bruno Castro (Coruña Comarca), campión de España Sub16 o pasado ano. Castro chega coa mellor marca no triplo salto con 14.83 metros e tamén competirá no salto de lonxitude, onde presenta o oitavo mellor rexistro con 6.82.
Finalmente, outro dos campións de España Sub16 en 2025, Joel Santana (Celta), participará nas probas combinadas coa segunda mellor marca entre os inscritos, polo que podería volver situarse nun podio estatal indoor.

O artigo Galicia acude con 47 atletas ao indoor Sub18 publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Galicia acude con 47 atletas ao indoor Sub18
