Nacho Rego, mellor xuíz estatal 2025

Publicado por: F.G. Atletismo

O vindeiro sábado 18 de abril, celebrarase en Oviedo a gala anual do Atletismo Español organizado pola RFEA, e na que se homenaxearán, entre outros, aos mellores de cada un dos estamentos atléticos.

Nesta cita, novamente contaremos con presenza destacada galega xa que no apartado de mellores xuíces, o ourensá Nacho Rego Tesouro será quen reciba este importante galardón que compartirá xunto a xuíza valenciana Alicia Ruano.

Para a RFEA os seus méritos son ” destaca pola súa versatilidade, coñecemento técnico e compromiso coa innovación na arbitraxe. Protagonizou unha intensa actividade durante o ano 2025, con designacións de máximo nivel, entre as que destacan a súa participación no Campionato de Europa por equipos en Madrid, así como en diferentes Campionatos de España de carácter absoluto e de categorías menores. Ademais, formou parte do equipo de traballo de videoarbitraxe, integrándose nos sistemas de apoio tecnolóxico á arbitraxe en competicións nacionais e internacionais.

No ámbito formativo, colaborou activamente coa Real Federación Española de Atletismo en sesións e webinars técnicos, contribuíndo á difusión de novidades regulamentarias e procedementos arbitrais.

Así mesmo, é membro da Comisión de Medios Científicos do Comité Nacional de Xuíces, con responsabilidade en áreas crave como o fotofinish e os sistemas de cronometraxe, incluíndo o traballo con outras ferramentas de precisión aplicadas á competición.”

Para Iván Sanmartín presidente da FGA “Esta é un fantástica nova que reafirma a gran calidade do noso colectivo de xuíces, pola cal non poido sentirme máis que orgulloso. Quixera destacar que a través do Comité Galego de Xuíces, estamos facendo unha importante aposta, tanto pola formación, como pola innovación, o cal nos está a levar a un nivel de recoñocemento e notoriedade moi importante no conxunto nacional”. O presidente tamén lembraba que “coa distinción de Ignacio Rego son nada máis e nada menos que once as distinticións autonómicas do colectivo arbitral, das cales sete, se produciron nos últimos dez anos”

Mellores xuíces galegos e galegas de España  

  • Dolores Rojas (2002)
  • Jorge Blanco (2011)
  • Angel Lopez Montesinos (2012)
  • Guillermo Sandino (Mellor Xuíz Nóvel 2015)
  • Andrés Anxo Pérez (Mellor Xuíz Nóvel 2016)
  • Rubén Martínez (Mellor Xuíz Nóvel 2020)
  • Estefanía Acuña (Mellor Xuíz Nóvel 2021)
  • Manuel Garrido (2021)
  • Loreto Pérez (2023)
  • Beatríz Rivas (2024)
  • Nacho Rego (2025)

 

O artigo Nacho Rego, mellor xuíz estatal 2025 publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Nacho Rego, mellor xuíz estatal 2025

Mas noticias relacionadas