Moito máis que un campionato de menores nas pistas “Luis Nogueira”

Publicado por: F.G. Atletismo

O municipio do Barco de Valdeorras converterase este domingo, a partir das 10:15 horas, no epicentro do atletismo base galego coa celebración do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub10 e Sub12, unha das competicións por equipos máis numerosas e participativas da tempada.

Un total de 52 equipos daranse cita nesta xornada, na que centos de mozos e mozas competirán representando aos seus clubs nun formato que promove o espírito colectivo e a participación por riba dos resultados individuais. E para todo elo, o lugar escollido son as pistas “Luis Nogueira” que dan nome a un dos atletas máis queridos e admirados do noso deporte que nos deixaba fai uns anos e cuxo exemplo e carácter prevalece na mente de todos e todas.

Máis aló das marcas e das clasificacións finais, este campionato ten como principal obxectivo fomentar os valores que caracterizan o atletismo: o compañeirismo, o esforzo, a superación persoal, o respecto, o compromiso e o traballo en equipo. Nesta etapa de formación, a competición constitúe unha extraordinaria ferramenta de aprendizaxe e motivación, permitindo aos máis novos vivir a experiencia de formar parte dun equipo e contribuír co seu esforzo ao resultado conxunto do club.

A importancia da cita queda tamén reflectida na elevada participación de entidades chegadas de toda Galicia. Entre elas, destacan os seis clubs que conseguiron presentar formacións completas en todas as categorías convocadas: ADAS CUPA, Atletismo Sada, Sanysec-Ourense, Atletismo Deza, CD La Purísima e Atletismo Porriño, demostrando o excelente traballo de base que desenvolven nas súas respectivas escolas.

A organización agarda unha magnífica resposta tanto dos participantes como do público, que poderá gozar dunha intensa xornada de atletismo na que se darán cita as futuras promesas deste deporte. O Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub10 e Sub12 volve consolidarse así como unha das grandes festas do atletismo galego de formación, onde a ilusión, a convivencia e os valores deportivos ocupan un lugar tan importante como a propia competición.

Normativa do Campionato

O artigo Moito máis que un campionato de menores nas pistas “Luis Nogueira” publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Moito máis que un campionato de menores nas pistas “Luis Nogueira”

Mas noticias relacionadas