O Campionato de España Sub20 marca a axenda da fin de semana

Publicado por: F.G. Atletismo

Co mes de xullo avanzando, chega unha nova cita de máxima relevancia para o atletismo galego: o Campionato de España Sub20, que se disputará esta fin de semana en Albacete.

Co obxectivo de superar os 14 postos de finalistas e as seis medallas acadadas no pasado Campionato de España celebrado en Badaxoz, Galicia estará representada por un total de 55 atletas.

Entre as primeiras referencias destaca a participación nos 200 metros de Adrián Bernárdez,  bronce no recente Campionato Galego Absoluto, e de Marta Caamaño  (ambos do Celta Atletismo), subcampioa galega da distancia. Pola súa banda nos 400 metros, Lucas Vázquez  do At. Barbanza,  buscará mellorar o bronce conseguido no Campionato de España indoor disputado este inverno en Sabadell.

Nos 1.500 metros, Álex Sierpes preséntase como un dos grandes candidatos ao podio, avalado por unha excelente marca persoal de 3:41.56. Tamén nos 800 metros femininos, a campioa de España indoor Celia Castro, que continúa a súa preparación en Valladolid, chega cun destacado rexistro de 2:07 que a sitúa entre as principais aspirantes ás medallas.

A internacional  da Gimnástica Sabela Martínez, tentará repetir o podio logrado o pasado ano, aínda que nesta ocasión competirá nos 3.000 metros, proba á que acode coa terceira mellor marca das inscritas. Na mesma distancia haberá que seguir moi de preto a actuación de Iker Fernández  do Lucus Caixa Rural, quen acredita un rexistro de 8:14.43.

Nas probas de valos, Pablo García do ADAS CUPA, con 14.35 nos 110 valos, e os atletas do Celta Martiño Salgado con  52.72 e Leo Rodríguez  con 52.96 nos 400 valos parten situados entre os mellores rexistros das súas respectivas probas.

Especial interese espertarán os 3.000 metros obstáculos femininos, onde competirán as tres galegas que o pasado ano coparon o podio nacional: as irmás Demeku e Debritu Paniagua, internacionais esta tempada e líderes destacadas da proba, xunto a María Estévez da Gimnástica. As tres afrontan ademais o seu primeiro ano na categoría Sub20. Na competición masculina, as opcións galegas pasan polo lucense do Lucus  Teo de Frutos , tamén internacional, e Lucas Pena da Gimnástica.

Nos saltos verticais, Iria Solera  do Sanysec Ourense, chega coa segunda mellor marca das participantes e buscará un novo podio tras a prata conseguida o pasado ano sendo Sub18 e o bronce indoor deste inverno en Sabadell. En altura masculina o redondelán do CAR, Gael Couñago, tratará de confirmar e mesmo mellorar os 2,01 metros logrados o pasado 12 de xuño en Vigo, unha marca que lle permitiría estar nos postos destacados dun concurso de gran nivel.

No concurso de pértega tanto  Miguel Carbajales do Sanysec Ourense, como  a céltica Alexandra Lence aspirarán a pechar unha destacada actuación e a entrar nos postos de finalista. Iguales obxectivos no triplo salto para o medallista de bronce indoor  Gonzalo Cuns.

No sector de lanzamentos, Eloy Acuña da Gimnástica, competirá tanto en peso como en disco, sendo nesta última proba onde presenta maiores opcións grazas aos seus 46,49 metros. En martelo, Anxo Filgueira será outro dos representantes galegos.

Na xavelina, Álex César  do A.A.Mazí, bronce no Campionato de España Sub18 da pasada tempada, regresa á competición tras unha lesión que o mantivo afastado das pistas e continúa recuperando ritmo competitivo. Na categoría feminina, haberá atención especial para a gimnástica  Gema Dacosta  no peso e para Mar Simón  do Celta Atletismo, nas probas de disco e martelo. Outra das grandes referencias da expedición será a internacional e campioa de España Aixa Corbacho, clara favorita ao título de martelo grazas aos extraordinarios 61,04 metros cos que chega a Albacete.

Nas probas combinadas, Jesús Arias (Xuncas Diversia) liderará a representación galega cunha importannte marca acreditada de 6.390 puntos. Tamén haberá  representación galega nas remudas dos 4×100 m. femininos da man do Atletismo Sada e Celta Atletisno

Finalmente, a marcha volve presentarse como unha das grandes bazas galegas. Nico Collazo do Ames-Savante, lidera por marca a inscrición dos 5 km marcha co obxectivo posto no título e nunha das prazas para o mundial, mentres que a súa compañeira de adestramento, a campioa de España Icia Ares  do Sanysec Ourense, figura tamén entre as principais candidatas aos postos de privilexio da competición.

Máis info

Foto: RFEA

 

O artigo O Campionato de España Sub20 marca a axenda da fin de semana publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: O Campionato de España Sub20 marca a axenda da fin de semana

Mas noticias relacionadas