Publicado por: F.G. Atletismo
Co mes de setembro xa petando ás portas, o calendario do atletismo galego despide agosto cunha das citas máis destacadas do calendario de carreiras de montaña. Novamente o Concello de Folgoso do Courel, será o escenario este sábado do Campionato Xunta de Galicia de Trail Running – Carreiras de Montaña, unha competición que reunirá preto dun cento de atletas das categorías Sub16 en adiante.
A cita converterá novamente o Courel no epicentro do trail running galego, cun percorrido que combinará a esixencia deportiva propia desta modalidade coa espectacularidade dun dos espazos naturais máis singulares de Galicia.
A proba absoluta abrirá a xornada
A primeira das carreiras será a proba absoluta, que dará comezo ás 10:00 horas, coa saída situada na Praza do Concello de Folgoso do Courel. Os participantes deberán afrontar un percorrido de 17,25 Km., no que estarán en xogo os títulos galegos das diferentes categorías.
Na competición feminina, unha das principais referencias será María Martínez, do Atletismo Porriño, subcampioa galega absoluta na pasada edición. Entre as súas principais rivais estará Rosario Figueroa, do CD Biosbardo, integrante da selección galega de Trail Running e gañadora este ano da Ultra Trail Orixes Mondariz.
A carreira masculina preséntase tamén especialmente aberta ante a ausencia do actual campión galego. Entre os favoritos figura Marcos Antonio Pascual, do Castro Trail, atleta da categoría M40 que xa foi bronce na edición disputada no Courel en 2025. Xunto a el estará o seu compañeiro de equipo Federico Losada, subcampión de España o pasado ano en Ibiza e actual campión galego M45.
A nómina de participantes contará, ademais, con atletas de gran nivel e con importantes resultados a nivel estatal. É o caso de Emilio Montilla, do CD Biosbardo, actual campión de España M55 de Carreiras de Montaña, título conquistado este ano en Palencia.
Campións galegos que defenderán o seu título
A carreira servirá tamén para que varios dos actuais campións galegos poñan en xogo os seus títulos. Entre eles estarán Julia Salvado, do SD Compostela, na categoría Sub23; Roberto Salvado, do SD Compostela Atletismo, na M55; Susana Fernández, do ASESOU, na M50; e María José Lamas, independente, na categoría M60.
Todos eles buscarán repetir o éxito da pasada edición nun percorrido que volverá poñer a proba tanto a súa condición física como a súa capacidade para afrontar os diferentes desniveis e dificultades técnicas da carreira.
O futuro do trail galego tamén loita polos seus títulos
A xornada competitiva completarase co Campionato Galego das categorías Sub16, Sub18 e Sub20, que disputarán os seus respectivos títulos sobre unha distancia de 7,2 Km.
Nesta ocasión, a saída está prevista para as 11:00 horas, coa participación de varios dos atletas que xa saben o que é subir ao máis alto do podio autonómico.
Na categoría Sub18 estarán, entre outros, os campións galegos Sub16 da pasada edición, Lucía Taboada, do SD Compostela, e Tomás Bautista, do Atletismo Porriño, que este ano dan o salto de categoría. Tamén estará na liña de saída Diego Ferreira, do SD Compostela, actual campión galego da categoría.
Deste xeito, o Campionato Xunta de Galicia de Trail Running – Carreiras de Montaña reunirá en Folgoso do Courel tanto a atletas consolidados como ás novas xeracións do atletismo galego, nunha xornada que volverá combinar competición, deporte de alto nivel e natureza.
A celebración do campionato novamente reafirma, ademais, a aposta do Concello de Folgoso do Courel por converter o territorio nun referente para a práctica deportiva e, especialmente, para as disciplinas vinculadas á montaña e ao medio natural.
O artigo O Courel recibe o galego de Trail Running de Montaña publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: O Courel recibe o galego de Trail Running de Montaña
