
Publicado por: F.G. Atletismo
Ames será os días 19 e 20 de setembro o punto de encontro do atletismo de ultrafondo internacional coa celebración do XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 Km. O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, nun acto no que participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; o presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Atletismo e membro da Xunta de Goberno da RFEA Iván Sanmartín; o comisario do Xacobeo 2027 Marcos Gómez; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; o coordinador do campionato, Francisco Rico; a secretaria de organización do campionato, Maribel Montes; e o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño.
Durante a presentación, o alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor a importancia de que o municipio acolla unha competición destas características, tanto desde o punto de vista deportivo como turístico e económico. Tamén animou á veciñanza a participar e acompañar os atletas durante a fin de semana. Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que a proba permitirá proxectar o nome de Ames internacionalmente e amosar aos visitantes o patrimonio cultural e natural do municipio.
Desde a Xunta e a Deputación da Coruña salientouse o peso que ten o deporte galego e a capacidade dos eventos deportivos para xerar actividade económica, promoción exterior e participación social. O presidente da Federación Galega de Atletismo e representante da RFEA, Iván Sanmartín, agradeceu o compromiso das distintas institucións e cualificou de especialmente relevante que Ames sexa o escenario dun campionato mundial no que estarán representados 43 países.
392 atletas de 43 países
A competición contará cunha participación histórica. Están inscritos 392 atletas, dos que 248 corresponden á categoría absoluta —146 homes e 102 mulleres— e 144 á categoría máster. Entre estes últimos destaca a presenza dun corredor de 83 anos.
A cifra total elévase ata as 547 persoas se se contabilizan oficiais e acompañantes. Ademais, haberá representación de 43 países, procedentes de Europa, América, Asia, África e Oceanía, o que supón tamén un récord de participación internacional neste campionato.
Entre os nomes máis destacados estará o lituano Aleksandr Sorokin, actual plusmarquista mundial dos 100 Km., polo que a organización non descarta a posibilidade de que Ames sexa escenario de novas mellores marcas mundiais ou continentais.
O coordinador do campionato, Francisco Rico, explicou que o percorrido foi homologado o pasado 16 de agosto e estará perfectamente sinalizado. Os participantes deberán completar 20 voltas ao circuíto.
Unha inauguración aberta á cidadanía
As actividades comezarán o venres 18 de setembro, ás 18.30 horas, coa conferencia médica A psicoloxía do rendemento en probas de ultra resistencia, que terá lugar no salón Xacobeo do Albergue do Monte do Gozo.
A inauguración oficial será o sábado 19, a partir das 16.30 horas, cun desfile de bandeiras desde a praza do Concello ata o parque do Ameneiral donde acontecerá a ceremonia inaugural ás 17:00 h. .
100 quilómetros por Bertamiráns
A proba principal arrancará o domingo 20 de setembro ás 8.30 horas, na rúa Alcalde Lorenzo, e contará con 11.30h. para completar os 100 km. O percorrido, de aproximadamente 5 Km por volta, terá a saída e a meta en Bertamiráns e atravesará zonas como As Punxeiras Baixas, As Cortes, a rúa do Agro do Muíño, o camiño de Sisalde e a ponte da Condomiña.
O circuíto permanecerá pechado ao tráfico, agás para os vehículos de emerxencia e da organización. Está previsto que os primeiros participantes cheguen á meta arredor das 14.45-15.00 horas, mentres que a competición finalizará ás 20.00 horas.
A entrega oficial de premios celebrarase ás 20.30 horas no parque do Ameneiral, ou no pavillón de Bertamiráns no caso de choiva.
España, a por un novo éxito
A selección española masculina afrontará o campionato coa intención de repetir o éxito acadado en Bangalore en 2024, onde conseguiu o subcampionato mundial. O combinado estará integrado por Antonio Jesús Aguilar, Félix Pont, Carlos Gazapo, Marco Álvarez e Jesús Rafael González, tres deles presentes tamén naquela convocatoria.
No equipo feminino competirán Gemma Arenas, María Romero, Carmen María Pérez e Estefanía Unzu. Arenas, actual campioa e plusmarquista de España, será unha das principais referencias do equipo.
Coa presenza de centos de deportistas e representantes de 43 países, Ames converterase durante esa fin de semana nun dos grandes focos internacionais do atletismo de ultrafondo.

O artigo Ames prepárase para acoller o Campionato do Mundo IAU de 100 Km. publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Ames prepárase para acoller o Campionato do Mundo IAU de 100 Km.
