PRESENTADA EN CURTIS A SEGUNDA ETAPA DA VOLTA CICLISTA A CORUÑA

Publicado por: F.G. Ciclismo

O  Concello de Curtis acolleu a presentación oficial da que será segunda etapa da Volta Ciclista á provincia da Coruña que terá lugar o próximo 2 de xuño. A presentación contou coa presenza de Francisco Javier  Cainzos, Alcalde de Curtis así como o deputado provincial responsable de deportes, José García Liñares e alcaldes dalgúns dos  concellos polos que pasará a etapa como Sobrado ou Mesía.

O acto que tivo lugar na plataforma da estación de ferrocarril de Curtis, eixo  vertebrador do  concello e ao que o alcalde se referiu como “camiño de  ferrro”.  Cainzos agradeceu á Deputación e á Federación  Galega de Ciclismo “contar con Curtis para ser saída e chegada, por vez primeira na súa historia, dunha das etapas da Volta a Coruña”.

O alcalde tamén valorou “o traballo dos  concellos por onde pasará a proba xa que entre todos faremos unha proba destacada” e significou que “Curtis completa así o seu traballo en difusión do ciclismo”, algo que xa fan coa celebración do Día da Bicicleta.

A proba ciclista pasará por Curtis o 2 de xuño desde a  rua Principal para percorrer un total de 133 quilómetros nunha xornada con dous portos de montaña, en Boimorto (3ª) e  Ameneiros (1ª) e dúas metas volantes en  Teixeiro.

A volta Ciclista a Coruña realizará tamén unha campaña paralela de promoción do ciclismo que terá lugar na zona de meta mentres transcorre a etapa. Nela tomarán parte escolares da zona coa coordinación dos membros do Club Cambre  Caeiro.


Enlace con la noticia original: PRESENTADA EN CURTIS A SEGUNDA ETAPA DA VOLTA CICLISTA A CORUÑA

Mas noticias relacionadas