
Publicado por: F.G. Atletismo
A selección galega Sub16 de atletismo afronta esta fin de semana unha nova e importante cita co calendario estatal. O combinado irmandiño participará no Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub16, competición que terá lugar nas pistas Josefina Salgado, no concello ourensán de Pereiro de Aguiar, durante as xornadas do sábado 9 —en sesión de mañá e tarde— e do domingo 10 en horario matinal.
Para esta competición foron convocados un total de 42 atletas galegos, repartidos en 21 mulleres e 21 homes, que defenderán as cores de Galicia fronte ás representacións das dezaoito comunidades e cidades autónomas participantes, nun campionato que reunirá a máis de 600 atletas de toda España.
Dentro da expedición galega destacan varios nomes chamados a ocupar postos destacados logo dos excelentes resultados acadados durante a presente tempada. Na categoría masculina sobresae a presenza dos subcampións de España indoor Mario Casal, do Sanysec Ourense, e Pedro Moirón, do Maderas Barcia Lourenzá-Cervo, que competirán respectivamente no lanzamento de peso e nos 1.000 metros. Xunto a eles, outra das grandes bazas galegas será Iago Gómez, da Gimnástica, medallista de bronce estatal nos 60 metros valados, quen chega á cita nun gran estado de forma.
Na categoría feminina, as principais referencias serán tamén dúas atletas medallistas no pasado Campionato de España celebrado en Salamanca. Sofía Paz, da Atlética Barbanza, afronta a competición tras establecer esta tempada o récord galego dos 60 metros lisos, mentres que Lía Núñez, da Atlética Lucense, medallista tamén no Campionato de España de campo a través, buscará un destacado papel na esixente proba dos 3.000 metros.
A maiores, tamén haberá que seguir moi de preto a actuación de Enrique García, do Atletismo Narón, cuarto clasificado no Campionato de España de campo a través, así como a de Martín Otero, do C.D. Pinarium, quen acadaba igualmente unha meritoria cuarta posición no nacional indoor e que tomará parte nos 600 metros.
A expedición galega contará ademais coa participación doutros atletas que lograron presenza en finais estatais durante a tempada baixo cuberta, como Emma Otero nos 300 metros, Martín Barredo e Mencía Álvarez nos 1.000 metros, Samuel Tallón nos 3.000 metros, ademais doutros nomes que continúan a súa progresión competitiva dentro do panorama estatal Sub16.
O principal obxectivo da selección galega será continuar acumulando experiencia en competicións do máis alto nivel e seguir avanzando no proceso formativo e competitivo destas novas promesas do atletismo galego. Para iso, o equipo contará co importante apoio que chegará desde as bancadas, onde numerosos familiares e afeccionados acompañarán á expedición galega ao longo da fin de semana.
Ademais, a experiencia acumulada por atletas que xa participaron na edición pasada, como Emma Otero, Lucía Dopico, Iago Gómez, Alán Cadavid ou Ángela Lendoiro, suporá un importante aval competitivo e motivacional para afrontar unha cita que volverá reunir ás mellores canteiras do atletismo estatal.
Foto RFEA

O artigo A Irmandiña Sub16 quenta motores publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: A Irmandiña Sub16 quenta motores
