A mellor marcha mundial pasou unha edición máis por Cantones

Publicado por: F.G. Atletismo

A mexicana Alegna González na categoría feminina, cun rexistro de 1h.32:24, e o marchador chinés Shengjie Shi con 1h.23:23 proclamáronse vencedores absolutos da trixésimo novena edición do Gran Premio Cantones de Marcha Atlética – Trofeo Sergio Vázquez, celebrada este pasado sábado día 23 no renovado circuíto da Mariña da Coruña.

A competición, unha das citas históricas da marcha atlética internacional e integrada no calendario mundial da especialidade, desenvolveuse sobre un novo trazado urbano que respondeu plenamente ás expectativas tanto da organización como dos atletas participantes, ofrecendo un percorrido máis dinámico e atractivo para o público asistente.

Na categoría feminina, a proba contou cun altísimo nivel competitivo. Xunto á vencedora mexicana subiron ao podio a italiana Sofia Fiorin, segunda clasificada cun tempo de 1h.32:36, e a dobre medallista olímpica española María Pérez, gañadora da pasada edición, quen foi terceira tras deter o crono en 1h.32:51.

Na carreira masculina, os atletas xaponeses partían inicialmente como grandes favoritos ao triunfo final. Porén, o dominio asiático acabou encabezado polos representantes chineses, cunha sólida actuación de Chenjie Li, segundo con 1h.23:25, e do vencedor Shengjie Shi. O mellor clasificado xaponés foi Keisuke Hara, quen acadou a terceira posición cun rexistro de 1h.23:52.

No apartado galego destacou especialmente a actuación de Antía Chamosa, que asinou unha excelente undécima posición na proba feminina absoluta cun tempo de 1h.33:54, quedando a tan só nove segundos da súa mellor marca persoal. A atleta galega volveu demostrar o seu gran estado de forma nun escenario de máximo nivel internacional.

Pola súa banda, o tamén internacional galego Dani Chamosa viuse obrigado a abandonar a competición masculina arredor do quilómetro once, cando marchaba en postos destacados.

En canto ás probas internacionais de 10 quilómetros, o triunfo masculino foi para o italiano Nicoló Vidal cun rexistro de 42:19. O galego Nicolás Collazo completou unha notable actuación ao rematar na terceira posición cun tempo de 44:15.

Na categoría feminina dos 10 km, a vitoria correspondeu á italiana Beatrice Palmonari, quen se impuxo cun crono de 46:40. Pola súa parte, a internacional galega Icia Ares finalizou na sexta posición tras completar a distancia en 51:09.

A edición deste ano volveu confirmar ao Gran Premio Cantones como unha das grandes referencias internacionais da marcha atlética, reunindo na Coruña a destacados atletas de primeiro nivel mundial e consolidando o compromiso da cidade coa organización de grandes eventos deportivos internacionais.

Lembranza a Sergio Vázquez

Durante o trancurso da proba, Estrella Salvadores, viuva de Sergio Vázquez, recibía un ramo de flores en recoñocemento á memoria de quen fora presidente da Federación Galega de Atletismo e máximo impulsor e organizador deste evento.

Galería de fotos FGA 

Resultados

O artigo A mellor marcha mundial pasou unha edición máis por Cantones publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: A mellor marcha mundial pasou unha edición máis por Cantones

Mas noticias relacionadas