A montaña coroou aos seus líderes

Publicado por: F.G. Atletismo

O Concello de Folgoso do Courel converteuse esta fin de semana no epicentro do atletismo de montaña galego coa celebración do Campionato Xunta de Galicia de carreiras de montaña trailrunning, unha cita que reuniu a máis de 250 atletas procedentes das diferentes delegacións galegas e que se desenvolveu de maneira conxunta coa proba Courel Mountain Running 2026.

A competición autonómica desenvolveuse en dúas modalidades, unha distancia longa de 17,25 Km. e outra curta de 7,2 Km. permitindo así a participación das diferentes categorías e ofrecendo ao público unha intensa mañá de competición nas montañas do Courel.

A xornada arrancou ás 10:00 horas coa saída da proba longa, reservada ás categorías superiores, mentres que posteriormente tomou o protagonismo a carreira curta, na que participaron os atletas das categorías Sub16, Sub18 e Sub20.

María Frey e Marcos Castro, campións galegos absolutos

Na categoría absoluta feminina da distancia longa, a vitoria foi para María Frey, do CD Biosbardo, que completou os 17,25 Km. cun tempo de 2h.03:14, proclamándose así campioa galega.

A segunda posición foi para a campioa de España e internacional  María Martínez, do Atletismo Porriño, que cruzou a liña de meta algo máis de nove minutos despois da gañadora, mentres que Lucía Peón, do Atletismo Arenteiro, completou o podio feminino, a aproximadamente 18 minutos da vencedora.

Na categoría absoluta masculina, o título galego foi para o atleta independente Marcos Castro, que se impuxo cun rexistro de 1h.44:29.

O podio masculino completárono Manuel Pais, do Serres Runners, segundo clasificado, que chegou a algo máis de cinco minutos do vencedor, e o atleta independente Adrián Mosteiro, terceiro, a algo máis de seis minutos de Castro.

Sandra González e Mario Alcalde dominan a distancia curta

A modalidade curta, sobre unha distancia de 7,2 Km. estivo reservada ás categorías Sub16, Sub18 e Sub20, permitindo comprobar tamén o excelente nivel das novas xeracións do trail galego.

Na categoría Sub20, os títulos foron para a campioa de España e tamén atleta internacional Sandra González da Atlética Lucense, e Mario Alcalde, do Barbantia Roda.

En Sub18, os campións galegos foron Lucía Taboada, do SD Compostela Atletismo, e Tomás Bautista, do Atletismo Porriño.. Finalmente, na categoría Sub16, os primeiros postos correspondéronlles a Judith Barros, do +9 Moraña, e Pablo Barreiro, do CD Pinarium.

A presenza das categorías de base permitiu completar unha xornada na que o deporte de montaña galego amosou non só o nivel dos seus atletas máis consolidados, senón tamén o importante potencial das novas xeracións.

O Courel Mountain Running 2026, paralelo ao Campionato Galego

De maneira paralela ao Campionato Xunta de Galicia desenvolveuse tamén o Courel Mountain Running 2026, que compartiu percorridos e protagonismo con esta importante cita do calendario autonómico.

Na distancia longa, os vencedores absolutos foron novamente María Frey e Marcos Castro, mentres que na modalidade curta os triunfos absolutos correspondéronlles a Sandra González e José Manuel Heras.

A celebración conxunta das dúas competicións permitiu reunir en Folgoso do Courel a máis de 250 deportistas, convertendo a localidade nun punto de encontro para os amantes das carreiras de montaña e consolidando o territorio do Courel como un escenario de referencia para a práctica do trail running en Galicia.

A xornada serviu, ademais, para poñer en valor a capacidade do Concello de Folgoso do Courel para acoller grandes eventos deportivos nun contorno natural privilexiado, combinando a promoción do deporte coa divulgación e posta en valor do territorio.

Resultados

O artigo A montaña coroou aos seus líderes publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: A montaña coroou aos seus líderes

Mas noticias relacionadas