ABERTA A PRE-INSCRICIÓN PARA A ESCOLA DE ATLETISMO – PRAZAS LIMITADAS

Publicado por: Lucus Atletismo

Esta nova tempada da Escola de Atletismo chegará con diversas novidades con respecto ás anteriores debido á situación sanitaria que estamos a vivir, por todas e todos xa coñecida, e á que levamos facendo fronte estes últimos meses. É por iso polo que as sesións de adestramentos, os horarios e a organización dos grupos sufrirán lixeiras modificacións, necesarias para poder adaptarnos ás últimas indicacións e protocolos publicados polas autoridades competentes, co fin de garantir unha actividade deportiva o máis responsable e segura posible para todos/as.

Somos conscientes de que nos atopamos nun contexto de incerteza, pero tamén sabemos da necesidade que teñen os nosos nenos e nenas de volver reencontrarse e de intentar recuperar a antiga normalidade, esa que quedaba paralizada no pasado mes de marzo. Desde o Club e desde a Escola de Atletismo, estamos facendo todos os esforzos para organizar unha tempada que, aínda que será diferente e estará marcada pola situación sanitaria, nos permita retomar os adestramentos e volver disfrutar do atletismo nesta nova realidade.

Para comezar a organización das categorías e os grupos de adestramento, que este ano terán que ser con prazas limitadas, deberedes enviar unha PRE-INSCRICIÓN antes do 20 de setembro, co obxectivo de coñecer os/as atletas que continuarán ou se incorporarán á Escola de Atletismo e de fixar os días e horarios da tempada, tendo en conta a reducción na ratio e as medidas de prevención e desinfección adicionais que nos acompañarán nas sesións. Deixámosvos no seguinte enlace o impreso de pre-inscrición, que deberedes enviar debidamente cuberto ao enderezo electrónico escolalucus@gmail.com antes do prazo sinalado.

Calquera dúbida ou suxestión que teñades, podedes contactarnos no e-mail da Escola de Atletismo, estaremos encantados/as de axudarvos.

AGARDÁMOSVOS CON ILUSIÓN E #RESPONSABILIDADE!!

 


Enlace con la noticia original: ABERTA A PRE-INSCRICIÓN PARA A ESCOLA DE ATLETISMO – PRAZAS LIMITADAS

Mas noticias relacionadas