Acordo de colaboración ca empresa galega ARTIO de bebidas isotónicas naturais

Publicado por: F.G. Atletismo

A Federación Galega de Atletismo, ven de asinar un acordo de colaboración coa empresa galega Artio, para facilitar a hidratación de atletas e clubs nas súas actividades, mellorando o seu rendemento competitivo. Asinaron este documento o presidente da Federación, Iván Sanmartín, e o xerente da empresa de bebida funcional, Jose Gigerín.

Cada ano, a FGA organiza preto de 300 competicións oficiais e desenvolve un traballo constante na promoción do atletismo base, a formación de adestradores e xuíces, así como a difusión do deporte en toda Galicia. Neste contexto, contar cunha bebida natural e de proximidade supón un valor engadido para a súa actividade, ademais dun exemplo de aposta por marcas galegas que comparten a mesma visión de compromiso co territorio.

Por outro lado, Artio é unha bebida funcional, cen por cen galega, elaborada a partir de auga de mar do Atlántico. Ten a súa sede en Padrón e o seu centro loxístico e de produción en Dodro, abogando pola idea de que o emprendemento no entorno rural galego é posible.

Na actualidade está presente tanto en España como en varios mercados internacionais e desenvolve toda a súa produción en colaboración coa asociación Andaina Pro Saúde Mental, integrando emprego inclusivo como parte esencial da súa identidade. A súa proposta baséase nunha auga de mar recollida nas Illas Cíes, que concentra 78 minerais biodispoñibles beneficiosos para a recuperación, a hidratación e o rendemento deportivo. Artio preséntase como unha opción sen azucres engadidos, vegana e sen glute, respondendo ás demandas actuais dos consumidores.

O presidente da Federación, Iván Sanmartín, indicou que “este acordo de colaboración é unha gran oportunidade para nós de apoiar a unha empresa da casa, galega, e que ademais ten un gran compromiso social, á vez que melloramos o rendemento deportivo dos nosos atletas”.

Pola súa banda, Jose Gigerín considera que “formar parte da actividade da Federación Galega de Atletismo é un motivo de orgullo para nós. A nosa marca ten como eixo principal apoiar o deporte de aquí e pretendemos facelo sempre desde un modelo que combine innovación, sostibilidade e compromiso social”.

Con este acordo, a Federación e Artio avanzan xuntas na promoción dun estilo de vida activo, saudable e con raíces en Galicia, reforzando a visibilidade do deporte e dos proxectos que nacen no territorio.

Páxina web de Artio

O artigo Acordo de colaboración ca empresa galega ARTIO de bebidas isotónicas naturais publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Acordo de colaboración ca empresa galega ARTIO de bebidas isotónicas naturais

Mas noticias relacionadas